O Obradoiro acumula a súa quinta derrota consecutiva ante o Baskonia (89-79)
Os locais xestionaron a vantaxe e non tiveron problemas para gañar o partido
Howard foi o máximo anotador do conxunto galego, con 14 puntos
O Obradoiro volve á capital galega cunha nova derrota no peto. Desta vez foi o Baskonia quen lle deu un novo golpe que deixa moi tocado o conxunto de Moncho Fernández.
Dende o comezo do partido xa se comezou a ver cal sería o rumbo. No primeiro cuarto, a igualdade durou pouco e o primeiro parcial rematou cos locais avantaxando aos santiagueses en dez puntos. No segundo, a historia foi semellante, aínda que o Obradoiro conseguiu rebaixar a diferenza ata os seis puntos.
Tras o paso por vestiarios, a charla de Moncho non fixo moito efecto, xa que o equipo local chegou a gozar dunha vantaxe de 12 puntos. Unha difernza que foi máis ou menos sostida no último período e permitiu ao Baskonia gozar dunha plácida vitoria final por dez puntos.
Os de Moncho seguen unha semana máis na zona de perigo, pero non caen ao descenso, debido á derrota do Breogán no onte. Pola súa parte, o Baskonia marcha sexto en postos de clasificación para xogar a Copa do Rei.