Publicador de contidos

Publicador de contidos

Martin O'Neill reencóntrase co Celta 24 anos despois

Martin O'Neill reencóntrase co Celta 24 anos despois

O adestrador do Celtic xa dirixía o equipo escocés na eliminatoria da temporada 2001-02

"O partido é moi importante para nós, queremos xogar as eliminatorias", recoñece o técnico do rival do Celta

G24.gal 21/10/2026 14:18

Curioso o caso de Martin O'Neill, o Celtic e o Celta. Hai 24 anos do último enfrontamento e o adestrador tamén dirixía naquela época ao cadro escocés. Mesmo foi protagonista da eliminatoria logo de ser expulsado no primeiro partido, xogado no Celtic Park (1-0) e tivo que ver a volta en Balaídos lonxe do banco, partido no que se clasificara o seu equipo malia perder por 2-1. 

O'Neill (74 anos) ten unha longa traxectoria e despois de estar no Celtic pasou polo Aston Villa, Sunderland, Nottingham Forest e seleccionador da República de Irlanda (2013-18). En febreiro de 2025 tivo que volver ao club despois dunha pésima serie de resultados con seis derrotas en oito partidos. Rematou a campaña pasada e iniciou esta na que marcha como líder do campionato escocés pero perdeu os dous primeiros encontros da Europa League (Ferencvaros e Benfica). 

Nunha entrevista concedida á canle do club, Martin O'Neill fala dun partido "moi importante para nós porque queremos clasificarnos para as eliminatorias da Europa League". O'Neill recoñece o decepcionante inicio de competición e que tratarán de "arranxalo contra o Celta, outro equipo que tivo un inicio desafortunando perdendo dous partidos nos últimos minutos". 

Será unha xornada de reencontros para O'Neill, un dos técnicos máis vellos de Europa que se enfrontará a un dos máis novos na competición europea, Claudio Giráldez. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar