Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Lugo vence un rival directo para fuxir do descenso

O Lugo vence un rival directo para fuxir do descenso

Os de Seligrat sobrepuxéronse ao empate do Sestao no 59

Malia a errar un penalti, Jon Cabo estableceu o 2-1 no treito final

O Sestao queda a catro puntos

G24.gal 16/02/2025 18:09

O Lugo derrotou o Sestao no Anxo Carro, afasta un rival directo a catro puntos e queda con dous de vantaxe sobre a zona perigosa. O partido comezou con maiores aproximacións do Sestao, que creou as primeiras ocasións. Dous remates desviados e dúas boas intervencións de Marcos Lavín mantiveron a igualada no marcador. O Lugo tardou vinte minutos en xerar a primeira grande ocasión, un disparo de lonxe de Reniero.

Aos vinte e seis minutos, o cadro de Seligrat volveu plasmar a súa mellora na área contraria. Unha boa combinación pola banda esquerda resolveuna Zoilo cun remate cruzado que se aloxou no fondo da rede. Con vantaxe no marcador, o Lugo asentouse, e Jon Cabo puido anotar o segundo no 40. Pero, xusto a seguir, o Sestao tivo a máis clara da primeira metade. Un remate desde o medio logo dun pase da morte desde a esquerda que Erik Ruiz tivo que sacar sobre a mesma liña de gol. O central salvaba a vantaxe do seu equipo, que se mantivo ata o descanso.

A segunda parte comezou con tímidos envíos á área por parte do equipo vasco, que Marcos Lavín salvou mesmo xogando o físico. Pero non foi o que aconteceu aos sesenta minutos. Nun centro desde a dereita, o porteiro non puido chapar o balón, que quedou solto para que o capitán Garai marcase o empate a uns. Marcos pediu falta, pero o árbitro non apreciou ningunha infracción.

Tocaba volver comezar, e o Lugo púxose a facelo. Un cuarto de hora despois, no minuto 74, tiña a súa grande ocasión. Foi despois dun penalti cometido por Markel sobre Raúl Hernández, cando o atacante quedaba so diante de Herrerín. O propio Raúl Hernández lanzaba a pena máxima, pero topaba cunha gran parada do porteiro, que se adiantara lixeiramente na liña.

Non houbo tempo de dixerir o erro. Pouco despois, unha boa combinación pola dereita acababa cun servizo á área que Jon Cabo resolveu cun movemento espectacular para marcar por abaixo. Dous a un, e o Lugo pechou o seu marco, non sen un susto no tempo engadido, cun gol visitante anulado por fóra de xogo á saída dunha falta. Coa vitoria, o Lugo afástase a catro puntos un rival que segue na zona de descenso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade