O Lugo ten que pagarlle 216.000 euros a Luís César por despedimento improcedente
A maxistrada entende que “ao poñer fin á relación laboral de forma inxustificada”, o club privou o adestrador “da posibilidade de poder alcanzar os obxectivos pactados”

O Xulgado do Social número 3 de Lugo declarou improcedente o despedimento, con efecto o 26 de abril de 2021, do que entón era adestrador do Club Deportivo Lugo, Luís César Sampedro, e condenou a entidade demandada a aboarlle ao técnico 216.000 euros en concepto de indemnización, cantidade que corresponde ao salario fixo que deixou de percibir durante dúas tempadas (166.000 euros) e ao premio por conseguir a permanencia en Segunda División (50.000 euros).
A maxistrada entende que “ao poñer fin á relación laboral de forma inxustificada”, o club privou o adestrador “da posibilidade de poder alcanzar os obxectivos pactados”, polo que considera que debe percibir os 25.000 euros de premio por cada permanencia pactados por contrato.
Na resolución, afirma que o despedimento se debeu á “falta de conexión entre o director do equipo técnico e os xogadores", algo que, “en ningún caso”, pode ser cualificado como “un incumprimento grave das obrigas laborais por parte do actor”.