Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Lugo sae do descenso con remontada incluída (3-1)

O Lugo sae do descenso con remontada incluída (3-1)

O conxunto galego deulle a volta ao gol inicial de Toni Herrero para levar os tres puntos

Con esta vitoria, os lucenses escapan dos postos baixos da categoría

Reniero, Jon Cabo e Bryan Mendoza foron os goleadores dos locais

G24.gal 02/02/2025 18:35 Última actualización 02/02/2025 18:51

O Lugo conseguiu a vitoria no Anxo Carro nun enfrontamento directo contra o Osasuna Promesas. No comezo da primeira metade foron os navarros os que tiveron as ocasións máis claras, primeiro cun man a man atallado por Marcos Lavín e logo con outra gran parada do gardameta lucense que rematou co esférico golpeando o pau.

No minuto 21 chegaría o primeiro gol, das botas de Toni Herrero, que enviou o balón ao fondo das redes cun remate raso e cruzado imposible para o porteiro. Sen embargo, tres minutos despois Reniero poñería a igualada no electrónico cun golazo de volea dende fóra da área. Jon Cabo sería o encargado de adiantar os de Lugo no minuto 34 cunha xogada individual que rematou cun disparo que tocou nun defensa rival antes de entrar.

Na segunda metade, ambos os equipos rebaixaron a intensidade e diminuíu o número de ocasións, agás un potente remate osasunista dende fóra da área que fixo voar a Lavín. No 71 de encontro, unha gran xogada colectiva do Lugo rematou cun gran pase de Guille Perero culminado de forma excelente por Bryan Mendoza para facer o terceiro dos locais. Con esta vitoria, os galegos saen dos postos de descenso e collen aire tras vencer a un rival directo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade