O Lugo perde en Irún (3-0) e cae a postos de descenso
Os goles de Olaortúa, Quique Rivero (p) e Dani Garrido permítenlle ao Real Unión superar os de Seligrat
O Lugo perdeu en Irún e métese en serios problemas, superado polo conxunto vasco que, co 3-0, supera a diferenza de goles cos lugueses. O Real Unión entrou mellor no partido, cun remate de Sergio Benito ao lateral da rede, e outro de Obieta que parou Cacharrón. Pero o Lugo axiña meteu o medo no corpo dos vascos. Primeiro, nun balón en profundidade que Jon Cabo rematou á rede, cando xa o árbitro asubiara un fóra de xogo que non parece existir na repetición. Despois, outro balón a Lizancos rematouno o lateral, pero sacouno Wright a córner.
Ningún dos equipos especulaba co resultado, e a primeira metade era de ida e volta. Tamén se anulou un remate de Obieta por fóra de xogo, aínda que Cacharrón respondera cunha boa intervención. Contra a media hora, os locais pedían penalti nunha acción entre Juan Rodríguez e Sergio Benito, pero o árbitro non sinalou nada.
Na segunda metade, o Real Unión tomou a dianteira a balón parado. Foi á saída dun córner que botou Quique Rivero e cabeceou o central Olaortúa ao fondo da rede. Era o minuto 10 da continuación.
O Lugo acusou o golpe e, noutra acción a balón parado, ía encaixar o segundo. O árbitro sinalou penalti por unha agarrada de Yayo á saída dun córner, e o capitán, Quique Rivero, encargouse de transformalo no 2-0.
O Lugo fixo cambios, buscou a reacción e achegouse con perigo, pero o Real Unión agardou a súa oportunidade e matou o partido á contra, nunha acción que culminou Dani Garrido. O 3-0 deixaba tocado ao Lugo pero, ademais, tamén lle valía aos irundarras para superar o goal average particular, moi importante na loita pola permanencia. O Lugo intentou marcar o gol que igualase este aspecto, pero Ceberio e Reniero non puideron culminar as accións máis claras do conxunto lugués no treito final. A derrota mete os de Seligrat nos postos de descenso, dos que sae o Real Unión, agora cun punto de vantaxe.