O Liceo xogará a final da OK Liga contra o Reus
Gañou o último encontro da serie contra o Noia por 4–2
Sorpresa monumental do Reus, que gañou o quinto partido no Palau ante o Barcelona (3–4)
O Liceo xogará a final da OK Liga contra o Reus. As dúas semifinais foron ao quinto partido. O Liceo impúxose ao Noia por 4–2 e o Reus deu a gran sorpresa logo de eliminar o Barcelona cun triunfo por 3–4 no Palau.
O equipo coruñés saíu moi mentalizado ao encontro definitivo. Fixo un gran primeiro tempo e conseguiu marcar dous goles en menos dun minuto. Un remate cruzado de Álex Rodríguez e un desvío de Maxi Oruste aproveitando un lanzamento do propio Álex levaron o partido ao descanso cun 2–0.
Ao pouco de comezar o segundo tempo, anotou Di Benedetto o terceiro nunha grande acción persoal. E Jordi Adroher transformou unha falta directa que deixaba o resultado en 4–0. Chegou entón a reacción do Noia. Marcaron Jordi Bargalló e Roc Pujadas para darlle emoción á eliminatoria. Mesmo Mitjans tivo unha falta directa para apertar o partido a dous minutos do final, pero o Liceo aguantou e meteuse na final.
Sorpresa do Reus
Todos contaban cunha final contra o Barcelona, pero o Reus, contra todo prognóstico, derrotou o campión da liga regular nun magnífico partido. O cuarto clasificado será o rival dos liceístas nunha serie que comezará o venres en Riazor.