Alabart é profeta na súa terra e dálle o título da OK Liga ao Barcelona (5-9)
O xogador coruñés foi a peza decisiva da eliminatoria diante do Liceo e decidiu o terceiro partido con tres goles
O "factor Alabart" decidiu o terceiro e definitivo partido da serie final da OK Liga. O xogador coruñés decidiu a eliminatoria que coroou o Barcelona como campión da Liga e a Alabart como MVP da final.
Tiña o Liceo a oportunidade de meterse na pelexa polo título cun triunfo no primeiro partido que se xogaba en Riazor. Comezou moi ben cun gol de Ferruccio pero a efectividade do Barcelona decidiu. Un dobrete de Xavi Barroso deulle a volta ao marcador. Nun primeiro tempo cheo de acerto Aragonés marcou o 2-3, Xaus recurtou diferenzas pero Alabart e Grau marcaron nun abrir e pechar de ollos para poñer o 3-5. Aínda quedaban outros dous goles -Saavedra e Alabart- antes de chegar ao descanso cun espectacular 3-6.
Unha falta directa de Xaus poñía o 4-6 pero Alabart encargouse de aplacar a reacción co sétimo gol do Barcelona. Dava Torres marcou o 5-7 e Aragonés puxo, con dous goles, o definitivo 5-9. O Barcelona gaña a terceira OK Liga consecutiva que maquilla unha temporada nefasta coas eliminacións na Copa e na Champions. O Liceo volve rozar o título pero queda ás portas diante dun rival superior.