Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Barça golpea primeiro ao Liceo na final da OK Liga (6-3)

O Barça golpea primeiro ao Liceo na final da OK Liga (6-3)

O equipo coruñés adiantouse axiña, pero Alabart remontou con dous tantos

Na segunda metade o cadro catalán estivo máis atinado, e respondeu aos intentos de remonta

O luns, segundo partido da serie ao mellor de 5, tamén no Palau

G24.gal 14/06/2025 15:06

Comezou a final da OK Liga, e fíxoo cun triunfo do campión da Liga regular, o Barça, diante do segundo, un Liceo que se adiantou axiña, pero non tivo opcións na segunda metade diante do acerto local diante da porta. O cadro catalán adiántase na serie ao mellor de cinco partidos co primeiro punto.

O partido comezou cunha clara declaración de intencións do equipo galego, que se adiantaba aos dous minutos. Foi nunha acción persoal de Arnau Xaus. O porteiro Grau paroulle o lanzamento, pero Xaus chegou á presión para impedir a saída da bóla e marcar o primeiro no man a man.

Adiantouse o Liceo, pero reaccionou axiña o Barça. So medio minuto despois cazaba o empate, nun lanzamento de Ignacio Alabart que bateu en Bruno e acabou na rede.

O Barça levaba o peso do xogo nesta primeira metade, cos de Juan Copa dispostos a volver sorprender á contra, e o certo é que disparaban máis veces contra a porta local. E, nunha das sete paradas de Martí Serra, o porteiro do Liceo tiña que ser atendido dun golpe na faciana que lle deixou unha ferida aberta. Era o segundo contratempo destas características para un Liceo que estivo a piques de perder a Ciocale xa no quecemento por culpa dun bolazo nunha cella.

O partido foi un intercambio de golpes no treito final da primeira metade, e os porteiros respondían con moita calidade, pero Alabart volveu atopar o camiño do gol no penúltimo minuto. Cun lanzamento por abaixo ao pau curto desequilibraba o marcador a prol do Barça, cun 2-1 co que se chegou ao descanso.

No inicio da segunda metade seguía o dominio alterno, con esa mínima renda para o conxunto catalán. E, aos 11 minutos, chegaba a falta directa a prol do Barça logo da décima falta liceísta. Lanzouna Alabart, e errou diante de Martí Serra, pero Ferrán Font aproveitou o rexeitamento para marcar o 3-1 que lle colocaba o encontro costa arriba ao Liceo. E, por se iso fose pouco Eloy Cervera cazaba o cuarto nunha transición so un minuto despois. Un cartón azul con falta directa parao Liceo metía aos coruñeses no partido. O capitán non foi quen de batir a Carles Grau. Non aproveitou a superioridade o Liceo, pero sí foi quen de marcar o 4-2 pouco despois, por medio de Bruno Saavedra.

Pouco lle durou a ledicia aos coruñeses. O Barça volvía colocar tres goles de renda medio minuto despois. Foi cun penalti que anotou Pablo Álvarez por toda a escadra. Aínda volveu intentar meterse no partido o Liceo co terceiro gol, marcado outra vez por Xaus. Pero, cos de Copa á busca de reducir diferenzas, Sergi Llorca anotaba o 6-3 que lle botou o pano a este primeiro partido da serie final polo título. O luns, tamén no Palau, segundo asalto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade