Kosmopolis 25 pecha en Barcelona cunha auténtica festa rachada para celebrar a cultura galega
O Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB) celebrou Kosmópolis 25 desde o 22 ao 26 de outubro, foi a décimo terceira edición
Kosmopolis "é a festa da literatura que desborda formatos e disciplinas para facer da palabra o motor de reflexións e emocións compartidas", describen os organizadores do CCCB
Kosmópolis 25 abriu nesta edición "unha xanela á literatura galega para explorar a súa singularidade, vitalidade e potencial"
Momento da conversa 'Galicia: Latitude Radical' celebrada este sábado en Kosmopolis, no CCCB. Foto:@cccb_barcelona
Festa rachada é o espectáculo de música e poesía co que pechou esta tarde en Barcelona a décimo terceira edición de Kosmopolis no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona.
Como ben explica a páxina de Kosmopolis 25, unha "festa rachada é unha festa desmedida, divertida, excesiva". Pero para que o público o entenda ben, nada mellor que un espectáculo coa poetisa Yolanda Castaño e o poeta de Mazaricos Ismael Ramos, e mais a música de Mercedes Peón. O obxectivo: celebrar a cultura galega, unha "gran descoñecida", segundo os organizadores de Kosmopolis.
A clausura de Kosmopolis 25 comezou ás 19:30 horas deste domingo cun recital a dúas voces da poesía galega: "Yolanda Castaño e Ismael Ramos son dúas xeracións e dúas formas diferentes de invocar unha mesma lingua", explican os organizadores.
O broche final da fin da festa pono Mercedes Peón e o seu espectáculo Déixaas. Peón estará acompañada por Ana Fernández e Mónica de Nut, e coa colaboración audiovisual da bailarina Janet Novas.
"O espectáculo é unha experiencia sensorial na que pandeiretas e sintetizadores conviven con pianos e sons reais da industria naval, tecendo unha paisaxe sonora e visual na que a memoria de Galicia fúndese coa modernidade máis vibrante", explica a organización de Kosmopolis.
Cartel do espectáculo 'Festa Rachada' deste domingo en Kosmopolis no CCCB. Foto: @cccb_barcelona
Pero o peche de fin de festa non foi o único momento desta edición na que Kosmopolis homenaxeou a cultura galega baixo o título xenérico de Galicia no centro. O mércores pasado pola tarde tamén se celebrou unha conversa coa poetisa Yolanda Castaño, a escritora Berta Dávila e a cantante Mercedes Peón. A conversa celebrada baixo o título Galicia: latitude radical tiña como obxectivo analizar os retos actuais da cultura galega, as últimas tendencias e por onde pasa a internacionalización da súa literatura.
Para os organizadores de Kosmopolis, as mulleres galegas dominaron a escena poética décadas antes de que en Cataluña se vivise un proceso similar.
"A cultura galega é un mundo en si mesma, un ecosistema fortemente vinculado á oralidade que, a pesar da falta de apoio político á lingua, logrou gañar a maioría dos premios nacionais dos últimos anos.", explican na presentación do programa de Kosmopolis.
Galicia, salientan na presentación, é "un firmamento cultural e literario que, desde a periferia, soubo internacionalizarse e abrirse ao mundo, con figuras consolidadas e novas voces que abarcan as grandes tendencias globais e toman partido dos grandes debates contemporáneos".
Kosmopolis: 11.594 visitantes no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB), un 37% máis respecto á edición anterior
O festival literario Kosmopolis clausurou este domingo a súa 13ª edición cun total de 11.594 visitantes no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB), o que representa un incremento do 37% respecto á súa edición anterior.
Ao longo de cinco días, o festival ofreceu 33 actividades e 89 participantes, entre eles os historietistas Chris Ware e Art Spiegelman, a cineasta Carla Simón, o ilustrador Javier Mariscal ou a directora de arte de The New Yorker, Françoise Mouly, ademais de María Medem e Ana Galvañ, informou este domingo a organización nun comunicado.
A directora de Kosmopolis, Elisabet Goula, citada na nota, explicou, que esta edición demostrou "o grande interese do público pola literatura e a enorme curiosidade por un programa que puxo o foco nas marxes do canon e a periferia xeográfica".
"Estes días puidemos abrirnos a mundos menos próximos e facer visible a súa forza e riqueza. O festival puxo en diálogo autores da nosa casa con outros vindos de ao redor do mundo e contou coa colaboración de máis de 30 editoriais e ata 50 axentes editoriais de Barcelona", apuntou.
A directora do festival tamén subliñou o carácter "deliberadamente plurilingüe" deste festival, no que houbo intervencións en doce linguas diferentes:
"A resposta do público confírmanos que a literatura é esta ponte que nos conecta e que hoxe é máis necesaria ca nunca", engadiu Goula.
.