O Liceo queda a unha vitoria de gañar a OK Liga
Gañou por 5-2 o segundo partido do play off diante do Reus remontando o 1-2 que tiña o equipo catalán
O Liceo gañou o segundo partido do play off polo título e queda a un só paso de gañar a OK Liga, éxito que non acada desde o 2013.
O segundo partido foi moito máis duro que o primeiro, sobre todo nun primeiro tempo de constantes alternativas. Marcou cedo Di Benedetto, pero respondeu o Reus cos goles de Aragonés e Raúl Marín de penalti. Fundamentais para o Liceo o empate de Álex Rodríguez antes do descanso e algunha intervención de moito mérito de Carles Grau.
O segundo tempo principiou cunha xenialidade de Maxi Oruste (3-2) e o Liceo conseguiu baixar as pulsacións do partido e ir a posesións moito máis longas. O 4-2 nunha xogada afortunada co tanto en propia porta de Salvat acabou por tombar o Reus que encaixaría un quinto gol na enésima falta directa transformada por Adroher.
O vindeiro venres (20:30) terceiro asalto, que xa podería ser definitivo para decidir o campión da OK Liga.