O Liceo consegue unha milagrosa vitoria no primeiro partido das semifinais
Levou o partido á prórroga diante do Reus cun gol de Ferruccio a 20 segundos do final (4-4)
Na quenda de penaltis houbo que agardar ao décimo noveno lanzamento para marcar o gol que decidiu o gañador
O Liceo conseguiu gañar o primeiro punto da eliminatoria de semifinais diante do Reus nun agónico partido decidido na quenda de penaltis (4-4, 1-0). Sempre foi por diante o Reus contra un Liceo que nunca deu o brazo a torcer.
Comezou o equipo visitante con dous goles de Martí Casas e respostou antes do descanso Bruno Saavedra (1-2). Empatou Nil Cervera á volta do descanso pero o Reus volveu a coller outra vez o mando no marcador grazas ao acerto de Gillem Jansá. Repetiu Nil Cervera para poñer o 3-3 e cando o partido se encamiñaba á prórroga semellaba sentenciar o Reus cun tanto de Marc Juliá a 40 segundos do final (3-4). O Liceo obrou a milagre, xogou sen porteiro e empatou a 20 segundos do remate cun tanto do Tato Ferruccio (4-4).
Na prórroga os dous equipos non arriscaron e chegouse a unha eterna quenda de penaltis. Houbo que agardar 19 lanzamentos para ver o único gol, o que marcou César Carballeira. O porteiro Martí Serra mantivo a súa porta a cero nos dez disparos do Reus desde o punto de penalti e deulle un triunfo moi valioso ao Liceo.