O Rácing despídese da Segunda con derrota diante do Sporting (0-2)
Nico Serrano e Gelabert plasmaron no marcador a superioridade dos asturianos ao remate de cada parte
O Rácing pecha a temporada con descenso e 30 puntos despois das 42 xornadas
Rematou o periplo de dúas temporadas do Rácing na división de prata. Fíxoo cun sabor agre, o do descenso consumado hai xa moitas semanas, e cun último partido na Malata diante do Sporting que finalizou cunha derrota máis.
O Rácing quería ofrecerlles unha última vitoria aos seus siareiros, e buscou o gol na primeira metade. Pero a mellor ocasión deste treito inicial ía levar a signatura do Sporting, cunha contra que culminaba Otero cun remate un chisco desviado. Pouco despois, o propio Otero asistía a Nico Serrano, e o ex-racinguista remataba frouxo, ás mans de Emilio Bernad, porteiro titular na despedida dos departamentais. Volveu aparecer axiña Bernad para facer un dobre paradón que mantiña a porta a cero.
Pasada a media hora ían chegar os primeiros remates galegos, por medio de Róber Correa e Álvaro Giménez. No treito final volveu asustar o Sporting cun remate alto de Pablo García. Foi o preludio do primeiro gol, que conseguiu Nico Serrano sobre a saída de Bernad. Non o festexou, e o partido chegaba ao descanso con vantaxe asturiana, xa que Álvaro Giménez remataba á rede no tempo engadido, pero estaba en fóra de xogo.
Na segunda parte, o Rácing ía atopar o premio no minuto 61, nunha boa xogada con asistencia de Héber Pena e remate a escadra de Señé. Pero o gol foi anulado a instancias do VAR por unha man de Álvaro Giménez no inicio da xogada. E, a dez minutos para a conclusión, Chiki remataba arriba con todo a favor para facer o gol do empate. Tamén tivo unha clarísima Jauregi, pero sacoulla Joel, confirmando que esta non é a temporada do Rácing, como demostrou Gelabert na seguinte xogada. Culminou unha contra anotando o 0-2 definitivo, que mandaba os tres puntos cara a Xixón, e significaba a 24ª derrota da Liga para o Rácing. Agre despedida para unha agre temporada que remata con descenso á 1ª RFEF.