Bruno Saavedra mete o Liceo nas semifinais da OK Liga
Un gol do galego solucionou unha eliminatoria moi dura diante do Lleida (2-1)
O Liceo xogará as semifinais da OK Liga despois de derrotar ao Lleida por 2-1 no terceiro e definitivo partido dunha eliminatoria na que o equipo galego estivo contra as cordas despois de perder o primeiro enfrontamento.
O partido foi durísimo desde o principio ata o final. Comezou fallando o Liceo un penalti pero conseguiu adiantarse cun gol de Nil Cervera. O Lleida aguantou e empatou grazas a un remate de Jordi Badía. O ambiente ía quecendo conforme pasaban os minutos e antes do primeiro tempo víronse tres cartóns azuis polas leas entre os xogadores dos dous equipos.
O segundo tempo tivo polémica cun gol anulado a Arnau Xaus. O liceísta Bruno Saavedra marcou o gol da vitoria a oito minutos para o final nunha xogada moi rápida de ataque. Perdoou Tato Ferruccio o terceiro gol ao desaproveitar unha falta directa e o Lleida acosou ata o bucinazo final. A eliminatoria de semifinais comezará o vindeiro venres, tamén en Riazor e diante do Reus.