Carlos Alcaraz perde a final de Wimbledon diante de Jannik Sinner por 4-6, 6-4, 6-4 e 6-4
O italiano imponse en 4 sets e vinga a derrota da recente final de Roland Garros
Alcaraz non pode culminar o reto de gañar wimbledon tres anos seguidos

Carlos Alcaraz, número dous do mundo, non puido con Jannik Sinner, número un, e quedou ás portas do seu terceiro título consecutivo de Wimbledon. Foi nun partido en que o murciano comezou gañando o primeiro set, pero, ao revés do que acontecera en Roland Garros, Sinner remontou para facerse co título en Londres por 4-6, 6-4, 6-4 e 6-4
No primeiro set, o italiano gañou tres xogos consecutivos para colocarse 4-2 por diante. Pero reaccionou Alcaraz, que se fixo co set gañando os catro xogos seguintes, 6-4.
O segundo set decidiríase axiña. Sinner rompeu o servizo do murciano para colocarse 2-0 e mantivo esa diferenza ata o final: 6-4 e partido igualado.
A terceira volta rematou co mesmo resultado, 6-4, malia a que Alcaraz foi defendendo o seu saque ata o 4-3. Chegou entón a rotura do italiano, que desnivelaba o set no momento oportuno.
No cuarto set Sinner amosouse intratable e creboulle o servizo a Alcaraz para acadar unha vantaxe que xa non desperdiciou e acabar gañando por 6-4 en pouco máis de 3 horas.
Este torneo é o primeiro de Wimbledon para Sinner e cuarto no total (2 Abertos de Australia e un US Open), por cinco que ten Alcaraz (2 Wimbledon, 2 Roland Garros e 1 Aberto dos Estados Unidos), nesta rivalidade apaixonante entre os dous que apunta a protagonizar os próximos anos no tenis.