Juan Carballo colle a remuda á fronte do banco da Unión Deportiva Ourense
O que era segundo adestrador de Borja Fernández contará coa axuda de Pol Bueso que se retira para facer tarefas técnicas
A Unión Deportiva Ourense mirou para a casa e elixiu a Juan Carballo como o novo adestrador para dirixir o proxecto en Primeira RFEF na temporada 2026-27. O que era o segundo adestrador de Borja Fernández ata hai unhas semanas collerá o mando do equipo en primeira persoa.
O adestrador do Carballiño, de só 30 anos, pasou polas categorías inferiores do Pavillón Ourense e do Real Club Celta antes de chegar á base da Unión Deportiva Ourense en 2022. A carón de Borja estivo nos ascensos a Segunda e Primeira RFEF das dúas últimas campañas.
Juan Carballo contará coa axuda de Pol Bueso, que deixa o fútbol despois dunha longa carreira. Desde 2019 reside en Galicia despois de asinar co Pontevedra. Pasou polo Arenteiro e nas últimas dúas campañas na U. D. Ourense onde tivo un papel destacado como líder dun vestiario moi novo. Agora seguirá aconsellando aos xogadores pero desde a parcela técnica.