Andreeva derrota a Chwalinska e faise co seu primeiro Grande en Roland Garros
A xornada deixou tamén a vitoria nos dobres de Marcel Granollers, formando parella con Zeballos
Foto: EFE
Mirra Andreeva cumpriu cos prognósticos, e derrotou na gran final de Roland Garros á polaca Maja Chwalinska, que chegou ata a final procedente da previa.
A rusa gañou con claridade, nun partido que se resolveu nunha hora e 22 minutos, por un resultado de 6-3, 6-2. Malia ao seu papel de favorita, Andreeva estreouse no palmarés dos torneos do Grand Slam. Con esta vitoria, a semana vindeira ascenderá ata o posto número 4 do mundo.
A tenista de Siberia, adestrada por Conchita Martínez, é a primeira rusa en alzar o torneo desde Sharapova en 2014, e é a gañadora máis nova desde Monica Seles en 1992.
A xornada en Roland Garros deixou tamén o triunfo nos dobres do español Marcel Granollers e o arxentino Horacio Zeballos. Repetiron título en París, logo de derrotar a Heliovaara e Patten por 6-4 e 6-2.
Granollers e Zeballos, unha veterana parella de 40 e 41 anos, respectivamente, están a facer unha gran temporada, xa que venceron tamén no Aberto dos Estados Unidos. En Roland Garros son a quinta parella en reeditar o título.