Gabriel Marcelli logra a primeira vitoria da súa carreira no Mundial
O piloto de trial do Rosal superou o seu compañeiro de equipo e gran dominador da disciplina, Toni Bou
O gran premio de Estados Unidos do Mundial de Trial quedará gravado para sempre na memoria e na traxectoria do piloto do Rosal Gabriel Marcelli. Sempre á sombra do seu compañeiro de equipo, o todopoderoso Toni Bou, e habitualmente pugnando pola segunda e a terceira praza con outros rivais, este domingo, o deportista de Honda asinou o seu ansiado primeiro triunfo na segunda xornada da dobre cita de Rhode Island.
Tras a terceira posición do sábado, o rosaleiro asinou o seu día soñado. Unha actuación brillante que se traduciu en 37 puntos, sumando dous máis que Bou e cinco máis que o terceiro, Jaime Busto.
Non era o único representante galego, senón que nesta cita reaparecía o vigués Jorge Casais, que finalizou sexto cos mesmos 20 puntos do italiano Matteo Grattarola.
FIRST TIMES ARE ALWAYS SPECIAL!!!! NO WORDS 👏👏👏#RepsolHondaHRC #HondaRacingCorporation #GabriMarcelli pic.twitter.com/UOHDPYmPGu
— Repsol Honda HRC (@trialteamhrc) July 13, 2025
Despois desta fin de semana, Marceli mantense terceiro na xeral con 364 puntos, por diante de Grattarola (298) e por detrás de Toni Bou (475) e Jaime Busto (396).