O Liceo cae en Riazor (5-6) e terá que remontar os cuartos de final co Lleida
Os coruñeses foron superados na prórroga cunha gran actuación do cedido Tombita
Precisan unha vitoria en Lleida para devolver a serie á Coruña
Sorpresa na OK Liga. O Deportivo Liceo perdeu o primeiro partido da eliminatoria de cuartos de final polo título de liga ante o Lleida en Riazor. Parecía que o equipo coruñés ía facerse co triunfo cando Franco Ferrucio marcaba o cinco a catro na recta final. Pero un gol de Nuno Soares a falta de só sete segundos provocou a prórroga.
No tempo extra, e logo dun gol de cada equipo que semellaba levar o choque aos penaltis, outro tanto de Soares faltando 48 segundos situaba o cinco a seis definitivo. O vindeiro sábado, en Lleida, o Liceo terá que gañar para forzar o terceiro partido, que se xogaría en Riazor.