O Liceo arranca a Golden Cup cun triunfo sobre o Braga
O equipo de Juan Copa dominou o partido desde o principio e gañou por 5-3
O Liceo comezou a andaina na Golden Cup de hóckey (Copa de Europa oficiosa) que organiza o club coruñés, cun triunfo por 5-3 diante do Braga.
O comezo do campionato resultou perfecto para os liceístas que comezaron cun xogo alegre e moi efectivo. Álex Rodríguez, Dava Torres e Jordi Burgaya puxeron o 3-0 no primeiro tempo e Moura recortou diferenzas antes do intervalo.
Nos primeiros minutos do segundo tempo volveu moverse o marcador. Di Benedetto anotou o 4-1 e Vitor Hugo transformou un penalti que volvía a deixar a diferenza en dous goles. A dous minutos para o final, Pedro Mendes poñía a incerteza no marcador cunha falta directa, pero deseguido Jordi Adroher non perdoou na súa especialidade e puxo o definitivo 5-3.
Noutros partidos xogados na xornada inaugural o Barcelona impúxose ao Spórting con claridade (4-1), o Porto gañou por 8-7 diante do Caldes e o Oliveirense portugués empatou (5-5) diante do Noia catalán. O mércores o Liceo terá a segunda cita á procura dos cuartos de final.
Dava Torres: "Foi o inicio dunha competición moi dura. O obxectivo está cumprido, estamos máis preto de estar na seguinte fase"