Publicador de contidos

Publicador de contidos

O inicio da vaga epidémica da gripe activa o plan de inverno da Xunta

O inicio da vaga epidémica da gripe activa o plan de inverno da Xunta

Recomendan o uso da máscara, mesmo sen síntomas, nos centros de saúde, nos PAC e nas urxencias

Na última semana houbo 182 ingresos de persoas con gripe confirmada, un 23% máis ca a anterior

Un home cunha máscara no hospital Álvaro Cunqueiro. EUROPA PRESS/Adrián Irago Un home cunha máscara no hospital Álvaro Cunqueiro. EUROPA PRESS/Adrián Irago
G24.gal 16/11/2025 17:25

A Xunta informou este domingo da activación do Plan sanitario de inverno ante o inicio do andazo de gripe co obxectivo de "previr, planificar e xestionar os recursos necesarios para responder os picos de demanda e garantir a asistencia nos dispositivos do Servizo Galego de Saúde".

Nun comunicado, o Goberno autonómico recomenda o uso da máscara mesmo sen síntomas de enfermidade respiratoria nos centros de saúde, nos puntos de atención continuada e nas urxencias hospitalarias.

Ademais, estende esta suxestión a departamentos que albergan pacientes vulnerables, como unidades de coidados intensivos, áreas de reanimación e de usuarios oncolóxicos, hospitais de día e unidades de diálise.

Vacinación

Segundo o Executivo galego, este plan incide na prevención a partir da vacinación, que inclúe esta tempada a inmunización con vacina de alta carga para maiores de 70 anos e a ampliación da infantil ata os 11.

No ámbito asistencial, o documento recolle a promoción da atención domiciliaria proactiva, a citación en centros de saúde con cadencias entre pacientes para evitar aglomeracións ou establecer circuítos de triaxe diferenciados para persoas con sospeita de padecer infección respiratoria.

Ao mesmo tempo, mantense unha rede de setenta farmacias sentinela, que colaboran coa Dirección Xeral de Saúde Pública, para recompilar información sobre a venda de antigripais e test de gripe e Covid-19 como xeito de adiantarse a posibles aumentos de contaxios.

Inicio precoz da vaga

O informe de actividade de infeccións respiratorias agudas da semana do 3 ao 9 de novembro confirmou o "inicio precoz da vaga epidémica de gripe, que se sitúa en intensidade baixa e con tendencia crecente", engade a Xunta.

Tamén constata unha "predominancia da porcentaxe de positividade para o virus da gripe tipo A".

Na última semana houbo 182 ingresos de persoas con gripe confirmada, un 23% máis que a anterior, coa taxa máis elevada en maiores de 80 anos e un reponte de ingresos en todas as áreas sanitarias, salvo na de Ferrol.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade