O aumento do imposto de matriculación subirá os prezos dos vehículos un 5 %
Este imposto pode chegar a supoñer o 15 % do custo total do vehículo
Están exentos de pagalo os coches que expulsen menos de 120 gramos de CO₂ por quilómetro
O ano que vén prevese unha suba do prezo de moitos vehículos novos polo incremento do imposto de matriculación, que pode chegar a supoñer o 15 % do custo total do vehículo. O motivo é que entrará en vigor a normativa europea que modifica os tramos de emisións de gases contaminantes que se utilizan para calcular ese imposto.
Só se librarán de pagar o imposto os coches que expulsen menos de 120 gramos de CO₂ por quilómetro. A taxa irá subindo por tramos de emisións un cinco, un dez ou un quince por cento canto máis contaminante sexa o vehículo.
A previsible reactivación das vendas antes da suba dos prezos bate cos problemas de abastecemento que padecen moitas marcas por mor da crise global das subministracións.
A nova normativa europea de medición de consumo e de emisións entrou en vigor en 2018 e en España comezou a aplicarse este ano; pero o pasado mes de xuño o Congreso aprobou un adiamento.