As marcas de coches chinesas acadan xa o 20 % da cota de mercado en Galicia
Buscan facerse cunha cota de mercado a base de ofrecer un plus nos acabados ou na conectividade e, sobre todo, cunha agresiva estratexia de prezos
Segundo a Federación de Concesionarios, en Galicia operan 15 marcas chinesas
O panorama dos concesionarios de venda de coches está cambiando a ritmo acelerado nos últimos anos pola irrupción das marcas chinesas. Ocupan espazos abandonados por concesionarios que desapareceron ou acóplanse a outros aínda activos. Dunha ou outra maneira, incluída a venda online, buscan facerse cunha cota de mercado a base de ofrecer un plus nos acabados ou na conectividade e, sobre todo, cunha agresiva estratexia de prezos.
"Sobre todo, marcas que levan uns anos máis ca nós, coma MG ou BYD, xa están plexando de ti a ti con marcas europeas tradicionais. Podemos estar falando, entre 5 e 10.000 euros de diferenza entre coches moi similares", explica o asesor comercial de OMODA e JAECOO Eduardo Vaamonde
Aínda así, hai quen mantén as súas reservas por como vai ser o servizo posvenda, algo que as marcas tentan contrarrestar coa apertura de talleres propios.
"Hai marcas que teñen todo o sistema de posvenda, de talleres e recambios xa centralizado en España ou en Europa e outras que aínda están por chegar", explica Vaamonde.
Segundo a Federación de Concesionarios, en Galicia operan 15 marcas chinesas. Contan que nos próximos dous ou tres anos sigan chegando máis ata facerse co 25 % do mercado. Haberá que ver cales o conseguen e canto vaia durar esta activa estratexia promocional de penetración comercial.
"Obviamente o prezo vai subir cando a marca estea máis consolidada, e a partir de aí a xente terao coma unha opción máis de compra", engade.