O incendio de Boborás, "camiño de estabilizarse", suma xa 230 hectáreas calcinadas
A Xunta mantén o nivel 2 por "precaución" tras unha noite "moi boa"
A baixada das temperaturas, o aumento da humidade e o descenso do vento durante a noite permitiron realizar cortalumes nas zonas máis próximas ás casas
O incendio declarado en Boborás segue activo este luns e xa queimou 230 hectáreas, pero as previsións dos efectivos de extinción para lograr estabilizalo son "optimistas" a pesar das altsa temperatura que se esperan esta tarde.
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, explicou en declaracións a medios de comunicación que a situación "é complexa" e vanse a alcanzar uns picos de alta temperatura durante a tarde, pero as previsións son favorables.
"Temos que prever e planificar para poder chegar á estabilización do incendio. Tecnicamente non está estabilizado. Pero si cremos que o imos a alcanzar; agora mesmo todas as previsións son optimistas neste sentido", dixo.
En Boborás segue activada a situación 2, declarada o domingo pola proximidade do lume ao núcleo de Vecoña, aínda que "non hai lapa activa" e mantense por precaución, segundo Francisco.
"Sobre todo imos pasar agora un arco de tempo entre as 14:00 e as 18:00 horas onde as temperaturas van subir e hai que adoptar medidas preventivas", sinalou o director xeral, que engadiu que hai dotacións de GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) e unha ambulancia co dispositivo por prevención.
O momento máis complicado neste incendio foi durante a tarde do domingo, pois se produciron tormentas con fortes ventos que reactivaron o incendio "con moita violencia", aínda que a pasada noite foi xa "bastante cómoda".
Sobre se se segue barallando un raio como a causa máis probable do lume, Francisco indicou que non está determinada aínda, pero "todo apunta, polos testemuños e testemuñas da zona, que aparentemente é unha causa natural".
Pola súa banda, a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, sinalou que "son horas complicadas polas altas temperaturas" pero a situación "non ten nada que ver coa de onte", que foi moi difícil sobre todo pola proximidade a núcleos de poboación.Este luns xa non hai perigo para as poboacións e a alcaldesa confirmou que, polo momento, "non houbo danos privados nin materiais, só naturais".
Tamén está a dificultar os traballos de extinción a orografía do terreo.
O incendio comezou o sábado pola noite, minutos antes das 22:00 horas, na parroquia de Moreiras.
No operativo de extinción traballan de forma coordinada medios da Xunta e do Goberno central, que achegou catro avións anfibios, un avión de coordinación, un helicóptero e a Brigada de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) de Laza.