Publicador de contidos

Publicador de contidos

Música de piano para animar a estadía dos pacientes do CHUO

Música de piano para animar a estadía dos pacientes do CHUO

O Hospital Universitario de Ourense celebrou este domingo unha xornada especial con motivo do Día Mundial do Piano

A iniciativa busca achegar a música aos espazos asistenciais como ferramenta de benestar emocional para pacientes e profesionais

G24.gal 29/03/2026 19:27 Última actualización 29/03/2026 19:48

O Hospital Universitario de Ourense celebrou con música o Día Mundial do Piano, unha iniciativa enmarcada no programa de humanización Música é Saúde, que busca achegar a música aos espazos asistenciais como ferramenta de benestar emocional para pacientes e profesionais.

A celebración, que coincide co día 88 do ano —en referencia ás 88 teclas do piano—, desenvolveuse en diferentes unidades do hospital, levando a música a algúns dos ámbitos máis sensibles da atención sanitaria.

As actuacións tiveron lugar nas unidades de críticos, concretamente na Unidade de Coidados Intensivos e na Unidade de Reanimación, así como na unidade de Obstetricia, ampliando así o alcance desta iniciativa de humanización.

Nesta xornada participaron Antón Otero, médico do Servizo de Medicina Interna; Luis Humberto Cao, pianista voluntario; e Alejandro Aguiar, TCAE das unidades de críticos, quen contribuíron coas súas interpretacións a crear momentos de calma, emoción e acompañamento.

O programa Música é Saúde, impulsado polo Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, leva xa dous anos en marcha grazas á colaboración da Fundación Dórzan, que doou un piano ao centro hospitalario.

Desde entón, esta iniciativa consolidouse como unha aposta firme por integrar a cultura e a sensibilidade artística na atención sanitaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade