A patronal, disposta a un pacto de rendas se inclúe soldos públicos e pensións
Calviño aposta pola moderación de rendas salariais e empresariais para conter o impacto da inflación
Os sindicatos ven imprescindible manter o poder adquisitivo dos traballadores
O obxectivo do Goberno é frear o impacto da inflación e buscar a maneira de repartir o esforzo. Na reunión cos axentes sociais, Nadia Calviño pediulles un pacto de rendas a tres anos, que modere as marxes empresariais e as subas salariais. Dixo que foi "Unha reunión moi útil e produtiva, estamos os tres aliñados na necesidade de conter a inflación e arrimar o ombro".
Menos optimistas son os axentes sociais. Os sindicatos non están dispostos a ceder na contención salarial e piden manter o poder adquisitivo dos traballadores. O líder de CCOO dá cifras: "Non é que agora mesmo se suban os salarios onde está a inflación, subas do 10 por cento, senón de subas iniciais do tres e medio por cento".
E a patronal está de acordo na necesidade de subir salarios, pero advirte de que un pacto de rendas debe incluír outros aspectos.
"Non estamos dicindo que non haxa que falar de suba salarial, que non podemos indexala á inflación. Habería que falar tamén dos funcionarios, de impostos, qué pasa coas pensións", asegura Garamendi.
Tras máis de dúas horas de encontro, as posicións mantéñense afastadas. A próxima reunión do executivo e os axentes sociais será a vindeira semana, para abordar o plan de continxencia que esixe Bruxelas ante un hipotético empeoramento da crise enerxética.