Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno inclúe a repotenciación entre as novas medidas para reforzar o sistema eléctrico

O Goberno inclúe a repotenciación entre as novas medidas para reforzar o sistema eléctrico

O Executivo acordara en setembro recorrer ante o Tribunal Constitucional os plans da Xunta para a organización do sector eólico, e especificamente as iniciativas para repotenciar os parques xa instalados

O presidente da Xunta lamenta que o Goberno faga "o mesmo que nos recorreron no Constitucional"

G24.gal 04/11/2025 13:45 Última actualización 04/11/2025 14:49

O Goberno aprobou este martes un decreto onde se inclúen algunhas medidas urxentes para reforzar o sistema eléctrico que xa estaban recollidas no coñecido como 'decreto antiapagamentos', derrogado polo Congreso, e que agora non terán que someterse a votación parlamentaria polo seu menor rango normativo.

A norma aspira a aumentar a resiliencia do sistema eléctrico e facilitar que se aproveiten as oportunidades da transición ecolóxica, mediante o fomento do almacenamento, a aceleración da electrificación da economía, e a repotenciación de instalacións.

Precisamente esa repotenciación é unha das grandes novidades do texto. No decreto introdúcese a definición de repotenciación da normativa europea –a grandes liñas, a renovación de instalacións con novas tecnoloxías– e o desenvolvemento, no prazo de nove meses, dunha folla de ruta nacional para a súa dinamización.

Esa planificación da repotenciación poderá incluír obxectivos estratéxicos, en liña cos compromisos europeos, e medidas técnicas, regulatorias e financeiras para incentivar a substitución dos equipos e incrementar a eficiencia e a produción de enerxía.

Recurso contra os plans da Xunta

Precisamente o 23 de setembro pasado o Goberno, na xuntanza do Consello de Ministros, acordaba presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional contra os plans da Xunta de organización do sector eólico galego recollidos na lei de medidas fiscais e administrativas de Galicia que acompañou á norma de orzamentos autonómicos para 2025.

O Goberno cuestionaba a normativa galega por ser incompatible coas regulacións estatais do sector eléctrico, discutía "a zonificación" efectuada pola Xunta, e dicía que a repotenciación regulábase "á marxe da normativa estatal".

Rueda lamenta que o Goberno faga "o mesmo que nos recorreron no Constitucional"

Sobre esta decisión do Goberno central o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, criticou que "é evidente en España non hai ninguén ao temón", tras anuciarse que o Executivo "impulsa un decreto para repotenciar que é o mesmo que nos recorreron no Constitucional".

 

Pola súa parte, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualificou o acordo deste martes do Executivo central como unha "irresponsabilidade absoluta do Goberno de Pedro Sánchez", xa que di "por cunha man presentar un recurso de inconstitucionalidade contra Galicia e coa outra man aproba a mesma norma regulando a repontenciación".

"Non criticamos a repotenciación obrigatoria", di Lorenzana, "criticamos a dobre moral".

"É fundamental que aclare como se vai financiar, esperamos que non sexa cos cartos de todos os cidadáns galegos, senón que sexa responsable pensando en abaratar os custos enerxéticos da industria e dos fogares", concluíu a conselleira.

Lorenzana, cualificou de "fraude aos galegos" o novo decreto aprobado polo Goberno e reclamou a retirada do recurso de insconstitucionalidade contra a normativa galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos