O Goberno leva ao Constitucional a organización do sector eólico; a Xunta acúsao de "torpedear" as súas medidas
O Goberno leva ao Constitucional a organización do sector eólico; a Xunta acúsao de "torpedear" as súas medidas
O Consello de Ministros aprobou recorrer a lei de acompañamento dos orzamentos de Galicia
A Xunta cualifica de "sorpresa desagradable" que o Executo tombe as medidas impulsadas por Galicia para reducir o impacto visual e aumentar os beneficios sociais
Ademais do artigo referido á enerxía eólica tamén impugna o referido á dependencia e discapacidade, o que, según a Xunta, vai provocar "paralizacións" nas tramitacións
O Goberno decidiu presentar recurso ante o Tribunal Constitucional en que cuestiona varios puntos da última lei de medidas fiscais e administrativas de Galicia que acompañou á norma de orzamentos autonómicos para 2025.
Destaca o Executivo central que a Comisión Bilateral negociou sobre sete artigos en controversia, e que se alcanzou acordo en cinco deles co compromiso de "abordar certas modificiacións lexislativas".
Porén, en dous dos preceptos da lei galega non se alcanzou acordo entre as administracións. Trátase do artigo 30, en materia de enerxía eólica, e o 45, referida á dependencia e a discapacidade.
Cuestionamento no marco da enerxía eólica
Mantén o Goberno que a norma galega en relación ao aproveitamento eólico é incompatible coas regulacións estatais do sector eléctrico, e destaca que o Tribunal Constitucional manifestou que "as competencias específicas non prevalecen necesariamente sobre as relativas á planificación económica, nin moito menos as desprazan totalmente".
Cuestiona "a zonificación" efectuada pola lei galega, xa que considera que "atribúe ao Plan sectorial eólico de Galicia unha serie de competencias que exceden da ordenación territorial".
Amais, di o Goberno que a previsión autonómica relativa á repotenciación de parques eólicos "adoece de inconstitucionalidade, en canto obriga a substituír un número determinado de xeradores eólicos por outros de maior potencia e menor número, co que regula a chamada repotenciación á marxe da normativa básica estatal".
Tamén argumenta que está a facer referencia non necesariamente a un incremento na potencia instalada, senón á substitución de aeroxeradores autorizados, coa consecuente modificación dos termos da autorización outorgada e o investimento realizado con base na normativa aplicable.
Así mesmo, ao dispoñerse que a repotenciación non poderá dar lugar ao incremento da potencia autorizada e limitar o inicio das obras, impedindo que se produza antes de dezaoito meses, o Goberno cre que a Xunta contravén as bases do sector eléctrico, con previsións normativas que chocan co dereito estatal.
A Xunta acusa ao Executivo de "torpedear" as súas medidas
Desde a Xunta, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, cualificou a noticia de "sorpresa desagradable" Acusa ao Goberno central de "torpedear" as medidas impulsadas por Galicia para reducir o impacto visual e aumentar os beneficios sociais.
Cando sentaron para negociar, meses atrás, a Xunta explicou que o Goberno se negaba "a garantir que os parques enerxéticos se traduzan en beneficios sociais e económicos para as comunidades locais afectadas".
O Goberno que dirixe Alfonso Rueda mostrou durante as negociacións a súa sorpresa polo feito de que o Goberno non discutise medidas no mesmo sentido, pero ao seu modo de ver "moito máis intervencionistas" que a galega, en Navarra ou as Baleares.
Competencias sobre o réxime económico da discapacidade e a dependencia
No relativo á dependencia e a discapacidade, o Executivo Estatal cuestiona "a perspectiva simplificadora" da norma galega ao vincular o grao de discapacidade ao de dependencia co obxectivo de axilizar axudas.
O Estado mantén que lle corresponde a competencia normativa sobre o réxime económico destas dúas materias e cre que terá efectos na recadación fiscal estatal, por mor das deducións fiscais que corresponderían a quen vexa recoñecida esa discapacidade.
No apartado da lei galega recorrido, a Xunta establece que debe "recoñecerse un grao de discapacidade nas situacións de dependencia", de maneira que para o grao uno de dependencia será recoñecida unha discapacidade do 33 %, como mínimo; para o grao dous, un 66 %; e para o tres, un 100 %.
O Goberno "paraliza" as equiparacións
Sobre este asunto, Diego Calvo explicou que, en concreto, o Goberno recorreu medidas contempladas no plan de choque para acelerar a tramitación dos expedientes do sistema da dependencia "para que todas aquelas persoas que tiñan recoñecido o grao tres de dependencia automaticamente se lles recoñecese o cento por cento da discapacidade", algo que xa tivo 9.300 beneficiarios desde xaneiro.
Así que o Goberno "o que está a facer é paralizar" estas equiparacións, algo que considera "chocante" porque o propio Goberno "copiou este instrumento" na recente modificación da Lei da Dependencia, onde recoñece aos que teñen o grao 3 de dependencia o 65 % de discapacidade, "non o cento por cento como fixo Galicia".
Ademais, reprochou que o Goberno siga poñendo "trabas" mentres continúa sen dar a Galicia os máis de 2.500 millóns de euros que a Xunta calcula que debe á comunidade polo financiamento do sistema de dependencia.