O Goberno e o sector pesqueiro pactan flexibilizar a aplicación da norma de control
A frota non seguirá co amarre que iniciara para protestar pola nova normativa europea
España pedirá a Bruxelas que os erros por cantidades inferiores a 50 quilos non se consideren infracción
Mariñeiros no paro da frota de baixura na Federación Provincial de Confrarías de Pesca en Pontevedra. Adrián Irago / Europa Press
O Goberno e o sector pesqueiro acordaron flexibilizar a aplicación do novo Regulamento europeo de Control da Pesca para facilitar o seu cumprimento pola frota.
O acordo chegou nunha xornada marcada pola paralización da actividade pesqueira e polo peche das lonxas en todo o Estado.
O Ministerio adoptará con carácter urxente unha resolución para establecer que os erros ou omisións na estimación das cantidades no diario de bordo para capturas inferiores a 50 quilos por especie non constitúan unha infracción.
Esta medida aplicarase sempre que a declaración de desembarque recolla as cantidades correctas por especie.
A Secretaría Xeral de Pesca dará instrucións específicas aos servizos de inspección e control para aplicar esta resolución.
España solicitará á Comisión Europea unha modificación do regulamento para que estes erros non se consideren incumprimentos.
Mentres non se tramite ese cambio, pedirá tamén a modificación do anexo correspondente para evitar que estas situacións se tipifiquen como infracción grave.
Tras o encontro esta tarde de luns en Madrid da secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, con representantes do sector, o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, en declaracións a Europa Press, valorou como "moi boa noticia" esta flexibilización "nas dúas principais reinvidacións".
Deste xeito, descarta que o sector siga adiante co amarre tras un luns en que a frota de baixura parou para protestar contra estes controis e no que se pecharon as lonxas.
"Queremos traballar, non queremos estar amarrados", deixa claro o tamén responsable das confrarías da provincia de Lugo e patrón maior de Burela.
Otero advirte de que esta problemática "non acabou", senón que a reunión deste luns serviu como "punto de partida", pois está pendente fixar un seguinte encontro co Ministerio para "convencer a Europa". Con todo, subliña que o sector mostrou a súa "madurez", xa que "as confrarías deron un golpe na mesa ao demostrar o que vale o asociacionismo".
O Goberno levará esta proposta ao próximo Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea, previsto para o 26 de xaneiro en Bruxelas.
No relativo á anotación das capturas por operación de pesca, a obriga entenderase cumprida cando a información se facilite polo menos unha vez ao día, antes da entrada a porto ou no lugar de desembarque.
En canto á notificación previa de chegada a porto, establecerase que se realice no momento en que o buque poña rumbo a porto, polo que o prazo poderá ser inferior ás catro horas recollidas no regulamento.
Esta previsión non se aplicará nos casos con prazos específicos nin nos buques sometidos a obrigas de preaviso concretas.
Mobilizacións e paralización da frota
O sector comprometeuse a colaborar na aplicación destas medidas e acordou celebrar unha nova reunión para avaliar a súa execución.
O encontro coincidiu cunha xornada de protesta xeral do sector pesqueiro.
As frotas non saíron ao mar e as lonxas permaneceron pechadas como mostra de rexeitamento ás novas medidas de control impostas pola Unión Europea.
Os pescadores advertiron do impacto da normativa comunitaria e da súa aplicación nos últimos anos.
O sector alertou da falta de rendibilidade, da caída do consumo e das dificultades crecentes para manter a actividade.