Publicador de contidos

Publicador de contidos

A baixura rebélase contra os novos controis da Unión Europea: "É a pedra que vai afundir o noso barco"

A baixura rebélase contra os novos controis da Unión Europea: "É a pedra que vai afundir o noso barco"

A frota quedou amarrada mentres centos de mariñeiros acudían a protestas en Galicia e en Madrid

O sector di que é imposible atender ao diario electrónico mentres se está a traballar no mar

Os mariñeiros rexeitan a obriga de ter que avisar do regreso a porto con catro horas de adianto

EFE/Cabalar
G24.gal 19/01/2026 14:49

Paro total contra os novos controis á pesca. A frota de baixura de toda Galicia amarrou este luns en protesta contras os cambios no regulamento europeo que elevan as esixencias para os barcos de máis de doce metros.

Os buques non saíron ao mar mentres centos de mariñeiros se dirixían a concentracións convocadas na Coruña, na ría de Vigo e en Madrid, diante do Ministerio de Agricultura e Pesca. Dende o día 10, os pesqueiros de máis de doce metros teñen traballo extra: pesar e anotar cada quilo de peixe que capturan ao tempo que van indicando a súa posición.

Os que xa probaron o diario electrónico coinciden na mesma queixa: realizar esas tarefas administrativas, no mar, en barcos pequenos e con pouca tripulación, é practicamente imposible.

"Con cinco ou seis metros de mar, cun movemento moi constante, para pesar foi moi complicado, por non dicir imposible", relata Modesto Cedeira, Tito, veterano armador de Baiona, que probou xa as novas normas a bordo do seu pequeno barco, no que navega só co seu fillo.

Mariñeiros de toda a provincia da Coruña concentráronse no porto da cidade convocados por varias confrarías. Soaron sirenas e prendéronse bengalas. Os pescadores rexeitan especialmente outra das novas normas que impón a UE: a obriga de avisar do regreso a porto con catro horas de antelación.

"Hai barcos que ao mellor están traballando a media hora ou a un cuarto de hora de porto. Que fas todo ese tempo agardando para poder entrar?", pregúntase Antonio Sánchez, patrón maior da confraría de pescadores de Lorbé.

"Son normas abusivas, impostas pola forza", quéixase Herminio Güeto, armador de Malpica.

"Isto é un disparate. Pedimos a todo o mundo que escoite o sector. Isto é a pedra que vai afundir o noso barco", advirte o patrón maior da Coruña, Javier Mariñas.

"A burocracia está matándonos. Xa non só os problemas que temos aquí coa caída do consumo de peixe, ou co IVE superreducido que non nos queren aplicar. Agora métennos un problema máis", afirma o patrón maior de Ferrol, Gustavo Chagartegui.

Agora mesmo, os cambios afectan os barcos de entre doce e quince metros, porque os que son máis grandes xa tiñan estas obrigas. Pero no propio regulamento está previsto que estes mesmos controis se vaian aplicando os próximos anos ás embarcacións máis pequenas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade