Publicador de contidos

Publicador de contidos

O 'Galicia por diante' sae á rúa no 40 aniversario da RG

O 'Galicia por diante' sae á rúa no 40 aniversario da RG

O 24 de febreiro de 1985 a Radio Galega empezaba a súa emisión en probas

Emblemáticos locutores da RG sumáronse á celebración do 40 aniversario para conversar con KiKo Novoa

Momento da entrevista que lle fixo Kiko Novoa á histórica xornalista da RG Encina Ramos, xa xubilada
G24.gal 24/02/2025 15:53

Os oíntes son a esencia e a razón de ser da radio, e por iso hoxe o Galicia por Diante quixo estar onda eles, a pé de rúa. Nin a intensa choiva foi quen de disuadir a Kiko Novoa do seu propósito.

"Vai un día fantástico, detrás desta choiva, detrás de cada gota hai un oínte, digamos que é a metáfora que podemos buscar hoxe, pero ben, moi felices porque a fin de contas hoxe nos toca a responsabilidade e o compromiso de resumir 40 anos de radio, que é absolutamente imposible, pero facelo dun xeito testemuñal e coa audiencia e con compañeiros tamén como viches é moi bonito e ao mesmo tempo moi emotivo", conta Kiko Novoa, director do 'Galicia por Diante' da RG

Moi emotivo porque hoxe polos micrófonos do programa pasaron as voces históricas, as primeiras que soaron a través das ondas da Radio Galega.

 "Eu podo presumir de ser dos doce primeiros", apunta Xosé María Pazos, unhas das primeiras voces da Radio Galega.

 "O mellor era que todo estaba por facer, entón todo o que faciamos era a primeira vez", explica Encina Ramos, xornalista da RG e da TVG.

 "Tirabamos unhas 14 ou 15 horas diarias se facía falta para poñer en marcha un proxecto que era un proxecto de país", narra Pazos.

40 anos de profesión deron para moito. Eles, e moitos outros, contaron a través dos micrófonos os grandes acontecementos da recente historia de Galicia.

 "Por exemplo, o asasinato dos gardas civís no Banco de España, os atentados do Clangor, o Casón, o Prestige, en fin...", relata Xosé María Pazos.

E había que contala en galego cando a lingua aínda estaba sentando as bases da súa normalización.

"Iso para min si que foi unha verdadeira preocupación, ter que traballar en galego as 24 horas, iso foi para min o maior reto", recoñece Encina Ramos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade