Publicador de contidos

Publicador de contidos

Manuel Francisco Gutiérrez: "Somos un referente na loita contra os incendios"

Manuel Francisco Gutiérrez: "Somos un referente na loita contra os incendios"

O director xeral de Defensa do Monte da Xunta destaca que expertos de Países Baixos e de Estonia veñen a Galicia para formarse na loita contra os incendios

Manuel Francisco Gutiérrez subliña que o Plan Pladiga 2026 incrementa ata os 25 millóns de euros a partida destinada á xestión da biomasa nas faixas secundarias

Os cidadáns poderán alertar dos incendios a través dunha app que estará operativa en xullo

Manuel Francisco Gutiérrez, director xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia, nos estudios da Radio Galega.
G24.gal 19/04/2026 09:25

O director xeral de Defensa do Monte da Xunta afirma que o modelo galego de loita contra os incendios conta con recoñecemento fóra das nosas fronteiras.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Manuel Francisco Gutiérrez lembrou que profesionais doutros países están vindo á nosa comunidade a formarse. O ano pasado viñeron bombeiros dos Países Baixos e o anterior, de Estonia.

“Temos un sistema que está moi recoñecido de tal maneira que están chegando especialistas doutros países para recibir formación como aconteceu o ano pasado con bombeiros dos Países Baixos e en 2024, de Estonia. Somos un referente de coñecemento e de formación”.

O director xeral de Defensa do Monte incidiu no desafío que constitúen os incendios  de segunda e de terceira xeración: incendios moi voraces, intensos e de rápida propagación. Unha circunstancia que obriga a readaptar o PLADIGA, o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia.

“Estamos vendo que os escenarios están cambiando e este é o motivo polo que o PLADIGA tamén ten que cambiar, ten que mudar”.

Neste senso, Manuel Francisco Gutiérrez explicou, na Radio Galega, que nesta campaña, o Plan de Prevención contra os Incendios reforzará  “a unidade específica de axentes forestais  especializada naqueles incendios onde a magnitude, o risco ou a potencialidade do lume pode ter unha gran perigosidade tanto para bens como para persoas”.

O responsable de Defensa do Monte da Xunta indicou que a Unidade de Directores de Extinción (UDEX) pasará de 6 a 15 compoñentes. Ademais, incorporaránse 42 novas brigadas de catro efectivos cada unha para reforzar o dispositivo durante a campaña de alto risco.

En canto á coordinación con outras administracións, Manuel Francisco Gutiérrez asegurou que “melloramos bastante” e explicou que dende hai anos fanse actividades formativas e simulacros.

“Hai que coordinar a Protección Civil, aos axentes da autoridade, aos alcaldes, aos sanitarios. É un dos aspectos máis complexos e este ano imos facer simulacros de incendios en situación dúas”.

Prevención

O responsable de Defensa do Monte da Xunta incidiu na importancia da prevención na loita contra os incendios forestais e destacou que, na campaña deste ano, incrementouse ata os 25 millóns de euros a partida destinada á limpeza das faixas secundarias co obxectivo de minimizar as consecuencias dos lumes que poidan orixinarse preto das vivendas.

“Hai unha responsabilidade do propietario de ter limpas as súas leiras e unha corresponsabilidade dos concellos. Aí a Xunta participa tamén naquelas parroquias de alta actividade incendiaria onde os propietarios poden facer contratos con Seaga para facilitar e axudar nesa limpeza das leiras”.

Manuel Francisco Gutiérrez lembrou que o 31 de maio remata o prazo para limpar as faixas de seguridade e que a partir desa data “reforzaráse a vixilancia e as sancións desas faixas secundarias”.

Ademais, explicou que á limpeza das faixas e das pistas  súmanse as queimas prescritas “moi solicitadas por colectivos de gandeiros e cazadores e que permiten reducir a cantidade de biomasa dentro do monte”. A isto hai que engadir, segundo sinalou, os traballos de rozadura cos tractores.

“Recentemente entregáronse 5 máquinas multifunción que van reforzar aínda máis o traballo dos bombeiros dentro dos montes de Galicia”.

Ademais, o dispositivo de verán reforzaráse coas brigadas municipais e coas mancomunidades na provincia de Ourense que, segundo explicou, pasan de catro a seis.

App

O director xeral de Defensa do Monte suliñou que o PLADIGA 2026 contempla a posta en marcha dunha aplicación móbil para que os cidadáns poidan avisar dos conatos de incendio e así acelerar a mobilización de recursos e efectivos para atallalos.

“O PLADIGA ten unha particularidade este ano que é unha app para que os cidadáns poidan colaborar na detección dos incendios. Poráse en marcha no mes de xullo e con tres clics calquera cidadán pode advertir, mediante o envío dunha foto ou dun vídeo, dun posible conato”.

Incendios intencionados

O director xeral de Defensa do Monte explicou, na entrevista da Radio Galega, que a maioría dos incendios “proceden da actividade humana, ben intencionadamente ou ben por neglixencias".

“No verán hai unha prohibición de realizar queimas e hai outras limitacións como pode ser a tirada de foguetes, o uso de maquinaria. Hai que ter moita precaución”.

Manuel Francisco Gutiérrez recomendou á cidadanía facer uso do teléfono 900 815 085 para denunciar os incendiarios de xeito anónimo.

En canto ás previsións de cara ao estío e á falta dunha previsión meteorolóxica, o responsable de Defensa do Monte da Xunta confía en que sexa “un verán tranquilo e en que teñamos unha boa campaña”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade