O galego celebra o Día da Lingua Materna
Unha data instaurada pola UNESCO para promover a diversidade cultural e lingüística
En Galicia, oriéntase á transmisión da lingua galega, fermosa pola súa riqueza, pero que segue perdendo falantes
O plural en -s dos caixós de Toén, o -is dos foliois de Manzaneda, o rotacirmo dun 'menor mal!' en Boborás, e as gheadas de Aghiño ou Malpica.
Son entrevistas que fixemos na TVG nos últimos días, por motivos distintos, ao longo da nosa xeografía. Sen pretendelo, estaban celebrando a lingua materna, cos seus trazos dialectais que lle dan o carácter particular a cada zona.
"Hoxe tráiovos palabras que se din no galego da Mariña, que é a miña terra. A palabra pito: non é unha obscenidade, así é como lle chamamos ao polo na Mariña. Que comes? Polo con patacas, non, pito con patacas", comenta @ant0ntisim0 no seu Tiktok.
Unha riqueza lingüística que alimenta tamén as redes sociais, prolíficas en orgullo galego.
"É a miña lingua nai. A primeira que aprendín, a primeira na que falei, a lingua na que penso, na que soño, na que me sae escribir de primeiras, porque en castelán non me sae", defende a Capitana Gallaecia, tamén en Tiktok.
A lingua que emociona porque vén coa música dentro.