Unha ambientación con luz vermella antes de durmir axuda a conciliar o sono
As cores de tons vermellos contribúen a segregar melatonina, a hormona que axuda a durmir
Case a meade da poboación mundial ten problemas de sono
Durmir mal pode derivar en doenzas graves, sobre todo cardiovasculares, con risco de padecer ictus e infartos
Ir á cama relaxado, coa mente despexada e, polo menos, dúas horas despois de cear, son hábitos moi doados que axudan a conciliar o sono con facilidade. Ademais, dun tempo a esta parte demostrouse que a luz vermella tamén favorece un sono reparador, din os especialistas, pero tamén aclaran:
"A luz vermella mantén no corpo o nivel de melatonina máis que a luz azul. Pero isto non é unha cousa matemática, non ten que lanzarse todo o mundo a ter luces vermellas ao seu carón para durmir. Para descansar de verdade o mellor é non ter estímulos, nin sonoros, nin lumínicos, nin de ningún tipo", afirma Adolfo Baloira Villar, xefe do servizo de Neumoloxía e da Unidade do Sono do Hospital Universitario Montecelo de Pontevedra.
O idóneo é ambientar o dormitorio con luz de tons vermellos antes de pechar os ollos. Algo que se pode aplicar tamén no caso das pantallas, aínda que o seu uso non é recomendable antes de durmir en ningún caso.
"Se estamos diante dun ordenador ou estamos traballando con el, se ten a luz vermella, mellor que a azul. En todo caso, se temos que facer actividades antes de durmir, que sexan tranquilas e sen grandes esforzos", sinala o doutor Baloira.
Durmir moitas horas non significa durmir ben. Un dez por cento da poboación ten apneas do sono, que, se non se corrixen, derivan en patoloxías moi graves.
"Eses pacientes durmen moitas horas, pero é un sono de tan mala calidade que se erguen moito máis cansos do que se deitan. Incrementando o risco de doenzas cardiovasculares, tanto infartos como ictus", advirte Adolfo Belorio.
Podemos soñar ou non en vermello. O certo é que é tan saudable estar ben esperto como durmir de verdade.