O Gaiás ofrece un paseo pola vida de Castelao da man da intelixencia artificial
A exposición 'Castelao. Mirar por Galicia' recrea a súa voz e os seus xestos
Pódese vivir a experiencia na Cidade da Cultura ata o 11 de xaneiro
E de súpeto estamos en Rianxo, na rúa de Abaixo, e vemos aparecer o pequeno Alfonso Daniel Manuel metendo as mans no peto.
Vemos a Castelao e a Virxinia posando para as fotos na súa voda e as fotos cobran vida.
Vivimos en movemento o famoso mitin de Lira a favor do estatuto. Entramos nun cubo que en 12 minutos proxecta a súa vida en catro paredes e mesmo no chan.
É a exposición 'Castelao. Mirar por Galicia', que nos permite acompañar a Castelao en diversos momentos da súa existencia.
Unha experiencia artística e tecnolóxica que parte de documentos como vellas fotos que se restauraron dixitalmente para adestrar a intelixencia artificial e con ela dar movemento ao corpo dunha das nosas figuras capitais.
Mesmo recrearon aquí a súa voz a partir da única gravación sonora que se lle coñece.
Unha ocasión para sentir a Castelao en voz, corpo e alma.