Ian recupera forza e volverá ser furacán antes de tocar terra en Carolina do Sur
Ata o de agora crese que causou 4 vítimas mortais, 2 en Cuba e 2 en Florida
No mar, os gardacostas buscan unha vintena de emigrantes cubanos que ían a bordo dunha embarcación naufragada no estreito da Florida
O presidente Biden di que este podería ser o máis letal da historia do estado
O Centro Nacional de Furacáns (NHC) puxo a toda a costa de Carolina do Sur baixo un aviso de furacán ante os prognósticos de que a tormenta tropical Ian recupere a forza de furacán antes de tocar terra nese estado do leste de Estados Unidos o venres.

Tras castigar Cuba e a costa suroeste de Florida, Ian cruzou a pasada noite ese estado en dirección nordés e, aínda que se debilitou a tormenta tropical, é aínda capaz de facer dano con "catastróficas inundacións" e ventos racheados.
Na traxectoria prognosticada, Ian achegarase á costa de Carolina do Sur o venres e o seu centro moverase cara a terra a través das Carolinas o venres pola noite ou o sábado.
As choivas producidas por Ian van chegar na parte oriental de EE.UU. ata o estado de Virxinia e permanece o risco de inundacións catastróficas e repentinas en áreas urbanas e de desbordamento de ríos en Florida, Xeorxia e Carolina do Sur.

Segundo o NHC, Ian segue sendo un gran ciclón. Os ventos con forza de tormenta tropical esténdense cara a fóra ata 665 km do centro.
Os meteorólogos advertiron de que Ian vai producir ventos e choivas fortes e marexada ciclónica en áreas da costa este de Florida e en Xeorxia e as Carolinas.
Ademais tamén seguen vixentes alertas e vixilancia para a zona da costa oeste de Florida onde o mércores impactou con ventos de 240 km/h.

Os danos de Ian no litoral do Golfo de México, unha zona turística e non moi densamente poboada, aínda están por cuantificar, pero as imaxes televisivas mostran que foron significativos, especialmente polas entradas do mar na terra por mor da marexada ciclónica.

4 mortos, milleiros de atrapados e dous millóns e medio sen electricidade
Ata o momento, Ian deixou dous mortos en Cuba e outros dous en Florida pero hai milleiros de persoas atrapadas nas súas casas agardando rescate.
No mar os gardacostas buscan unha vintena de emigrantes cubanos que ían a bordo dunha embarcación naufragada no estreito da Florida.
Catro deles chegaron a nado á costa e tres máis foron rescatados polos gardacostas.
Máis de dous millóns e medio de usuarios están sen electricidade na Florida e o nivel do mar chegou a subir ata 5 metros producindo numerosos asolagamentos.
Biden: "podería ser o máis letal da historia de Florida"
O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, afirmou este xoves que o furacán Ian "podería ser o máis letal da historia de Florida", aínda que non ofreceu cifras de vítimas porque "aínda non están claras".
No entanto, indicou que chegaron informacións de que é posible que se producise "unha perdida de vidas substancial".