O Fuenlabrada supera en intensidade o Breogán
Derrota por 88-65 diante dun equipo que se xogaba a permanencia na ACB
O Fuenlabrada xogábase a permanencia na ACB e iso demostrouse na pista. Moita máis intensidade que un Breogán superado durante moitos minutos con diferenzas que superaron os vinte puntos todo o segundo tempo (88-65).
A igualdade mantívose só no primeiro cuarto. Constantes empates cun Breogán enganchado ao partido grazas ao acerto de Kalinoski, Sergi Quintela ou Iván Cruz. Unha canastra de Cruz no último segundo poñía o empate a 21.
O partido mudou no segundo cuarto. O Breo viu freada a súa anotación e o Fuenlabrada aproveitou para poñer un parcial de 9-0 e colleitar a primeira vantaxe de certa importancia (32-25). A distancia foi aumentando ata o final cando Fuenlabrada, con dúas triplas, puxo un +12 (42-30).
No terceiro cuarto chegou a desfeita. O Breogán foise do partido e iso aproveitouno Fuenlabrada para poñer unha diferenza que chegou a ser de 23 puntos (64-41) que deixaba o encontro visto para sentenza con algo máis dun cuarto por xogar.
O último cuarto reflictiu un Breogán cos brazos abaixo e sen ningunha posibilidade de maquillar o resultado. Tocará cambiar a faciana para despedir unha temporada para a historia coa clasificación copeira e a permanencia acadada moito antes de rematar a temporada. Seguro que diante dos seus seareiros o Breogán ofrece unha imaxe moi diferente.