Paula González fai historia ao coroarse campioa mundial feminina de Vaurien
Foi elixida mellor patroa do Mundial, un premio que nunca se lle concedeu a unha tripulación feminina
Próximo reto a Copa do Rei en Palma de Mallorca
Paula González, regatista pontevedresa, entrou na historia da vela lixeira tras proclamarse campioa do mundo feminina da clase Vaurien xunto con Alejandra Vicens. A dupla asinou unha actuación brillante nas augas de Travemünde, Alemaña.
A súa embarcación liderou a clasificación desde o primeiro día, nunha posición que se mantivo ata o final. A vitoria levou un recoñecemento histórico: Paula González foi elixida mellor patroa do Mundial, un premio que nunca antes fóra concedido a unha tripulación formada por mulleres.
A deportista do Real Club Náutico de Vigo xa ten novos retos. Nos primeiros días de agosto viaxará a Palma de Mallorca para competir na Copa do Rei de Vela. Posteriormente afrontará a Copa de España de Vaurien, unha das probas clasificatorias para o Mundial 2027, que se celebrará en Vigo.