Publicador de contidos

Publicador de contidos

Amplíase a busca da moza desaparecida en Lugo tras peitear o Miño

Amplíase a busca da moza desaparecida en Lugo tras peitear o Miño

Mergullares buscaron sen éxito no Miño, e nas próximas horas poderán unirse ao dispositivo cans e policía a cabalo

G24.gal 28/07/2026 12:42 Última actualización 28/07/2026 14:35

O dispositivo de procura coordinado polo Corpo Nacional de Policía para dar co paradoiro de Carmen López, a moza de 24 anos de idade da que non se sabe nada desde hai unha semana -desapareceu o pasado martes, día 21 de xullo-, ampliarase a outras zonas da cidade, despois de que nos últimos días axentes, voluntarios e familiares peiteasen a contorna do río Miño.

Así llo confirmaron fontes policiais, que precisaron que na xornada de onte mergulladores da Policía Autonómica revisaron a canle do Miño, á vez que se apoiou a procura sobre o terreo coa visión que ofrecían desde o aire os drons despregados na contorna do río.

Aínda que foi vista por última vez no barrio da Milagrosa, a procura centrouse nos últimos días nas inmediacións do río Miño, na contorna da pasarela peonil que permite cruzar dun lado a outro da canle, da ponte romana e da fábrica da luz, dado que foi nese lugar onde o seu móbil deixou de emitir sinal.

Con todo, á vista de que o resultado foi negativo, a pesar de que “se mirou de forma exhaustiva” en toda esa zona, os mesmos informadores precisaron que agora se “está valorando continuar” a procura por outros lugares da cidade, dado que non hai indicios de que a moza desaparecida deixase o municipio.

Ademais dos axentes que xa participan no operativo, dos familiares e dos voluntarios, está previsto que entre mañá e pasado se sumen guías caninos á procura e, previsiblemente para finais de semana, que cheguen tamén policías a cabalo.

A asociación SOS Desaparecidos difundiu un cartel para solicitar a colaboración cidadá, cunha imaxe da nova desaparecida, que é veciña da parroquia lucense de Tirimol. Trátase dunha moza de 1,65 metros de altura, complexión delgada, ollos azuis e pelo moreno, que a última vez que foi vista levaba posto o uniforme do hipermercado no que traballa, segundo informou este colectivo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade