O final do outono é tempo de plantar allos e de recoller verduras de inverno
Nos invernadoiros toca preparar os sementeiros para que as plantas dos tomates e os pementos estean formadas en primavera
Remata o outono e é tempo de apañar as chamadas verduras de inverno, coma as nabizas, as coliflores ou os repolos, presentes xa nos mercados de todo o país. Pero non só é época de recolleita, senón tamén de plantar na horta os cultivos máis resistentes ás xeadas. Trátase dos allos e tamén dos sementeiros para as cebolas.
"O allo é un bulbiño cunha boa xerminación con estas temperaturas. Funciona moi ben para que en primavera xa estea formado e siga o proceso de criar o bulbo. A cebola sería para facer o transplante dentro duns tres meses. Agora estariamos formando a planta", explica Santi Vilor, xerente dunha firma agraria.
No referente aos cultivos de interior, tamén vai tocando preparar os sementeiros para os tomates ou para os pementos. Iso si, débese facer nos invernadoiros para que as sementes non se danen co frío.
"Ao empezar o inverno xa poderiamos facer algún tipo de sementeiro de tomate ou de pemento, sempre en interiores e con temperaturas agradables para que poidan xerminar e en primavera estean formadas as plantas. Poderíase plantar tamén algo de chícharo", engade Vilor.
En calquera caso, cómpre ter en conta que os últimos invernos foron máis chuviosos e de temperaturas máis suaves.