Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia chega a tempo á carreira cuántica, por María Bastida

OPINIÓN

Galicia chega a tempo á carreira cuántica, por María Bastida

María Bastida 17/03/2026 07:54

A decisión da Comisión Europea de situar a Galicia á fronte dun novo val europeo de innovación en tecnoloxías cuánticas é unha noticia relevante en termos de política económica e innovación. Supón captar un proxecto competitivo nun ámbito de fronteira e coloca a comunidade autónoma nunha posición de coordinación nun sector que Europa considera estratéxico para a súa autonomía tecnolóxica.

En termos simples, a tecnoloxía cuántica é unha aposta de futuro con aplicacións en cálculo, comunicacións e seguridade. E un val de innovación é o instrumento para que ese coñecemento non quede na investigación senón que se traduza en empresas, mercado e actividade económica. Europa leva tempo tentando corrixir precisamente esa debilidade: sabe investigar, pero cústalle máis transformar esa ciencia en liderado industrial. E diso é do que estamos a falar, de tentar que unha tecnoloxía punteira non quede nunha promesa científica, senón que empece a converterse en tecido económico, capacidade empresarial e posicionamento estratéxico.

Desde ese punto de vista, que Galicia non só participe, senón que coordine o proxecto, ten importancia. Coordinar significa gañar visibilidade, capacidade de interlocución e centralidade nunha rede na que se decidirán futuras oportunidades de colaboración, transferencia e desenvolvemento. En sectores emerxentes, esa posición inicial importa moito. Ademais, hai que ter en conta que o anuncio se apoia nunha traxectoria previa de construción de capacidades, desde o papel do Cesga e a instalación do computador cuántico QMIO, ata a liña de comunicación cuántica entre Santiago e Vigo. É dicir, hai infraestrutura, especialización e unha base sobre a que tentar construír ecosistema.

Os 3 millóns previstos para Galicia non transformarán por si sós o noso modelo produtivo. Pero si que poden servir para apoiar startups, pemes e centros de coñecemento, lanzar convocatorias competitivas e facilitar probas destas tecnoloxías en contornas reais. A clave estará na execución. O verdadeiro éxito será a capacidade de traducir estes recursos en proxectos viables, emprego cualificado, transferencia e empresas con potencial de crecemento.

A lectura, en todo caso, é positiva. Galicia necesita reforzar a súa presenza en actividades de maior valor engadido e reducir a súa dependencia de sectores de menor marxe e menor intensidade tecnolóxica. Entrar pronto en ámbitos estratéxicos é unha forma racional de facelo. Moito máis racional que esperar a que outros desenvolvan a tecnoloxía e limitarse despois a comprala. Por iso é tan interesante. Porque no fondo indica que a comunidade autónoma está a tentar ocupar un sitio onde mañá haberá valor económico, influencia tecnolóxica e capacidade de decisión. E na economía do futuro, chegar a tempo xa sería importante. Chegar con mando, bastante máis.


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade