A Xunta acorda ampliar ata Portugal a liña cuántica que vai de Santiago a Vigo
O proxecto, "clave na ciberseguridade", chegará ata Valença do Minho nesta primeira fase, coa aspiración de chegar nun futuro ata Lisboa
O Consello da Xunta aprobou este luns ampliar ata Portugal a liña cuántica terreste entre Santiago e Vigo, actualmente a máis longa de España, para chegar nunha primeira fase ata Valença do Minho.
Serán en total 30 quilómetros de liña en que se van investir 10 millóns de euros para chegar ata o norte de Portugal, dentro dun proxecto europeo que aspira a levar esta liña ata Lisboa, segundo asegurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Trátase, destacou Rueda, dunha rede "clave para reforzar a ciberseguridade" na Unión Europea.
Rueda lembrou que Galicia aposta por un ámbito "con moito futuro" e vén de alcanzar diferentes fitos que a sitúan como referente. Entre eles, resaltou que foi a primeira comunidade en contar cun computador cuántico en España xa no 2023, a futura creación de dous laboratorios nesta materia xunto ás universidades de Vigo e Santiago ou o val especializado que liderará a comunidade e no que participarán nove países europeos.
A ampliación da liña cuántica ata Portugal, conforme detallou a Xunta, é posible grazas a un dos proxectos nos que Galicia e o Norte de Portugal traballan conxuntamente para mellorar no ámbito da I+D+i. Trátase do IberianQCI-Iberian Quantum Communication Infrastructure, que ten como obxectivo o despregamento de conexións transfronteirizas entre as redes nacionais de comunicacións cuánticas de España (SpainQCI) e Portugal (PTQCI), contribuíndo así á construción da infraestrutura europea de comunicación cuántica segura (EuroQCI), que abarcará toda a Unión Europea.
Tal e como explicou Rueda, a ampliación levarase a cabo en dúas fases. Nun primeiro momento, ata 2029, "vai habilitar a conexión entre Vigo e Valença do Minho, uns 30 quilómetros".
Posteriormente, "a idea é que se estenda ata Lisboa" a través da conexión coa troncal terrestre norte-sur que prepara Portugal e que xa ten despregada na área metropolitana de Lisboa. O país veciño traballa agora na infraestrutura que permitirá conectar a Rede Cuántica Portuguesa (PTQCI) desde Lisboa ata a Rede Transfronteiriza de Valença-Galicia pasando por Aveiro e Porto.
Rueda resaltou que a liña de comunicación cuántica que se estenderá entre Galicia e Portugal, formando parte da rede europea EuroQCI, permitirá protexer infraestruturas críticas, "como redes eléctricas e sistemas de control de tráfico aéreo, e reforzar a seguridade de transaccións bancarias e datos de saúde da cidadanía".
Tamén poderá aplicarse á produción e monitorización de infraestruturas no ámbito enerxético ou para asegurar o intercambio de datos sensibles relacionados co desenvolvemento tecnolóxico na industria farmacéutica.
Ademais, poderá "garantir a confidencialidade nas comunicacións gobernamentais e militares", así como nas redes empresariais de alto valor, xa que a medida que os computadores cuánticos se volvan máis potentes, a criptografía clásica estará en risco. Trátase dunha infraestrutura avanzada que blindará as comunicacións ante calquera ataque futuro.
Alén da liña terrestre, o proxecto IberianQCI despregará tamén conexións espaciais, con estacións terreas ópticas como a recentemente estreada en Vigo, que serán clave para as conexións espaciais co satélite Eagle-1, que será lanzado en 2026.