O feminismo marcha dividido nun 8M marcado pola guerra
Ana Redondo: "Mola máis, é máis erótica a igualdade que a imposición machista"
En Galicia, as mulleres reivindicaron, en varias marchas, o seu papel na sociedade e pediron avances en materia de igualdade
O movemento feminista volveu organizar manifestacións moi diversas por cidades de toda España con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, no que resoou o eco dun mundo en conflito que afecta, e moito, ás mulleres.
Por quinto ano consecutivo, está a haber convocatorias divididas en varias cidades polas discrepancias que persisten entre as feministas pola abolición da prostitución ou pola lei trans, aínda que todas as marchas están a manter as reivindicacións fundamentais: a igualdade real e a fin da violencia machista.
Manifestacións multitudinarias en Madrid
En Madrid, o feminismo volveu saír en dúas marchas diferentes que tinguiron de morado as rúas. A marcha máis multitudinaria, a organizada pola Comisión 8M tiña este ano por lema "Feministas antifascistas. Somos máis. En todas partes'.
"Proclamámonos en defensa da paz, en defensa do pobo iraniano, en defensa das mulleres iranianas e en defensa de todas as mulleres do mundo que hoxe as súas vidas corren risco simplemnete por feitos tan sinxelos como emitir unha opinión", di a vicepresidenta segunda Yolanda Díaz.
Tamén ao mediodía, pero cun percorrido diferente, arrincaba a marcha organizada pola Movemento Feminista de Madrid que escolleu o lema "Nin veladas, nin explotadas, nin prostituidas."
"Imos estar coas feministas, coas de sempre. Na manifestación que segue reclamando os seus dereitos, coa que segue poñendo pé en parede ronte ás barrabasadas dun goberno que se pretendía como o más feminista da historia, pero que é o que máis dano fixo ao feminismo e ás mulleres", afirmou o vicesecretario de igualdade do PP, Jaime de los Santos.
Manifestación organizada polo Movemento Feminista de Madrid polo 8M. EFE/Rodrigo Jiménez.
Ana Redondo: "Mola máis, é máis erótica a igualdade que a imposición machista"
A ministra de Igualdade participou na manifestación celebrada en Valladolid. Ana Redondo esgrimiu o non á guerra nesta xornada reivindicativa. Non podemos pasar por alto, dixo, o que sofren as mulleres en zonas de conflito. As iranianas, as afganas e as ucraínas e lanzoulle unha mensaxe ás novas xeracións.
"Queremos especialmente dicírllelo aos mozos, ás mulleres novas, é moito máis importante, mola máis, é máis erótica a igualdade que a imposición machista, que consideren esa posibilidade".
Pedro Sánchez: "Non imos normalizar a desigualdade"
E con motivo desta data, o presidente do Goberno quixo deixar unha mensaxe clara a través das súas redes sociais.
Pedro Sánchez dixo que España é un referente en materia de igualdade de xénero e que non van a permitir que se dean pasos atrás.
Feijóo di que o PP é un exemplo de igualdade real, "non de pancarta"
O presidente do Partido Popular tamén se referiu á conmemoración deste 8M.
Alberto Núñez Feijóo reivindicou o papel protagonista das mulleres na sociedade actual. Asegurou que o PP é un exemplo de igualdade real e non de pancarta, dixo literalmente, e aproveitou para criticar duramente as políticas de igualdade que se desenvolven dende o Goberno central.
Protestas en Galicia
En Vigo, a mobilización feminista tiña dúas citas esta mañá. Ás 11:30 houbo unha concentración organizada pola CIG e ás doce partía dende a Praza de España a mobilización maioritaria. Pola tarde houbo outras dúas manifestacións, ás seis e, a máis numerosa, as oito do serán.
Na deste mediodía estivo presente o secretario xeral dos socialistas galegos. Gómez Besteiro salientou que o feminismo é a solución contra a desigualdade que sofren as mulleres.
Xa pola tarde, o movemento feminista saía ás rúas das cidades e vilas galegas en defensa da xustiza social e pola igualade de dereitos e a eliminación da violencia machista.
Na Coruña, a mobilización convocada pola Plataforma Feminista Galega e pola Marcha Mundial das Mulleres saíu do Obelisco. Foi unha marcha multixeracional, igual que a que percorreu as rúas de Vigo.
A praza 8 de marzo foi o punto de partida da columna reivindicativa que percorreu o centro histórico de Santiago de Compostela.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, participou na marcha e animou a seguir loitando pola igualdade desde o feminismo.