Publicador de contidos

Publicador de contidos

Protesta por terra e mar para "enterrar" a celulosa de Altri e a mina de Touro

Protesta por terra e mar para "enterrar" a celulosa de Altri e a mina de Touro

Milleiros de persoas en terra e 300 barcos secundan na illa de Arousa a manifestación contra ambos os dous proxectos

Ana Pontón considera que "non se pode baixar a garda ata que haxa unha retirada total" de permisos e autorizacións

EFE/Salvador Sas EFE/Salvador Sas
G24.gal 14/06/2026 14:54 Última actualización 14/06/2026 15:46

Milleiros de persoas en terra, unhas 10.000 segundo a organización, e 300 barcos secundaron na illa de Arousa a manifestación para enterrar dous proxectos industriais: a macrofactoría de celulosa de Altri en Palas de Rei e a mina de Touro.

A Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non convocaron esta mobilización para esixirlle á Xunta que "dunha vez por todas" rexeite ambos os dous proxectos.

Na praia do Vao, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, lamentou que Alfonso Rueda estea "decidido a sacrificar o río Ulla e a ría de Arousa para beneficiar a uns privilexiados".

Na súa opinión, estes proxectos "só benefician a unha minoría" e "prexudican á maioría", polo que acusou o presidente da Xunta de querer "malvender" Galicia e cambiar o "modo de vida" da súa poboación.

A portavoz de Ulloa Viva, Marta Gontá, considerou que con seis manifestacións contra o proxecto de Altri, 27.000 alegacións e un "informe demoledor" do Consello da Cultura Galega "xa está todo dito".

Lembrou que a macrofactoría "non cumpre tecnicamente nin conta con licenza social" e que a empresa promotora "é mentireira" e trae "a peste". Por iso, apelou á Xunta a "enterrar estes proxectos dunha vez por todas" xa que ten as competencias.

A voceira da plataforma veciñal contra a mina de Touro, Che Cancelo, asegurou que tras nove anos de loita o conflito "segue máis vivo ca nunca". Ao seu parecer, "só a forza de todo un pobo unido pode paralo".

Segundo dixo, o proxecto de Cobre San Rafael para a reapertura da explotación "é o mesmo" que a Xunta denegou hai uns anos, pero agora a administración galega négase a rexeitalo outra vez.

EFE/Salvador Sas EFE/Salvador Sas

En alerta pola defensa da auga

No porto de Xufre, ao termo da manifestación, representantes das tres plataformas leron un manifesto para trasladar que se mobilizaron "para defender a auga", que é a súa "vida" e que a Xunta quere "regalar aos proxectos depredadores da mina e da celulosa".

"Temos que seguir mobilizándonos e alerta para defender Galicia", sentenciaron.

Nesa mesma liña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que participou na manifestación, sinalou á prensa que non se pode "baixar a garda ata que haxa unha retirada total de todos os permisos e autorizacións" para o proxecto de Altri.

Tamén expresou o seu rexeitamento á "megaminería contaminante" de Touro, "controlada por fondos voitre".

"Logramos paralizala, pero o goberno de Rueda volveu activar a súa reapertura cando decidiu regalarlle a declaración de proxecto industrial estratéxico en xuño de 2024", afirmou.

Segundo Pontón, "unha vez máis, vemos a Rueda dicindo 'non' a Galicia" e a un goberno do PP "empeñado en converter" esta comunidade "nunha colonia con barra libre para o espolio" dos seus recursos naturais, para que "se forren as empresas amigas do PP e as multinacionais".

EFE/Salvador Sas EFE/Salvador Sas

Altri, un proxecto arquivado

No caso de Altri, que contaba coa declaración de impacto ambiental aprobada, a Xunta anunciou o 20 de febreiro o inicio do arquivo do expediente da macrofactoría proxectada en Palas de Rei.

O Goberno autonómico consideraba que a empresa non podía xustificar a conexión eléctrica prevista, despois de que a planta quedara fóra da planificación enerxética estatal ata 2030.

Posteriormente, o presidente Rueda ratificou que a tramitación "decae", que non se prevé compensación algunha para a empresa e que, se no futuro lograse unha nova conexión, tería que iniciar un expediente completamente novo desde cero.

Mentres, o xacemento de cobre de Touro foi declarado estratéxico e tramítase un novo proxecto presentado por Cobre San Rafael tras rexeitar unha iniciativa anterior por informes medioambientais desfavorables.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade