Os acampados pola vivenda teñen ata o martes para recoller as súas pertenzas
Tras a retirada de todas as tendas da praza, soamente quedan diferentes obxectos na praza e persoas sen fogar aínda acampadas
A portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, asegura que as persoas sen fogar se manterán en contacto continuo cos servizos sociais
Estrutura de palés levantada na praza do Obradoiro (Europa Press).
As tendas da acampada na praza do Obradoiro xa foron retiradas, mais os manifestantes teñen ata o martes para recoller o resto das súas pertenzas. Os servizos de limpeza comezan coa retirada da estrutura de madeira levantada polos acampados para simbolizar a loita pola vivenda digna.
A protesta en Santiago comezou o pasado 1 de outubro e, tras un mes, todas as tendas da praza foron recollidas. Baixo os soportais permanecen diferentes obxectos e varias persoas sen fogar que estaban acampadas. Antes de abandonar o lugar, os manifestantes levantaron con palés unha estrutura que semellaba unha vivenda, decorada con carteis e bandeiras reinvindicativas. Os operarios de limpeza xa comezaron a recollida dos palés.
Últimos utensilios da acampada da vivenda e a estrutura de palés ao fondo (EFE/Lavandeira jr).
A portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, explicou que os acampados teñen entre o luns e o martes para recoller as súas pertenzas e que as persoas sen fogar deben abandonar a praza. "A acampada estaba amparada polo dereito a manifestación e, polo tanto, unha vez que se comunica que a acampada finalizou, non está permitido acampar no Obradoiro", xustificou a portavoz.
Louzao recalcou que aquelas persoas sen fogar que se atopaban na praza do Obradoiro manterán un "contacto continuo" cos servizos sociais.