A acampada do Obradorio erixe un monumento con palés mentres retira as tendas
Despois de mes e medio de protesta, quedan pouco máis de trinta tendas das máis de cen que chegaron a instalarse
Un proceso progresivo que tamén está en marcha en Pontevedra e que comezará este domingo en Vigo
A acampada pola vivenda de Santiago de Compostela, que nos últimos días xa viu reducido o seu número de tendas, está actualmente a levar a cabo tarefas de reestruturación e recollida do asentamento instalado dende o 1 de outubro na Praza do Obradoiro, sen especificar canto se alongará no tempo o proceso completo de desmontaxe.
Aproveitando os palés que formaban ata o de agora parte da estrutura do asentamento, os seus membros erixiron un pequeno monumento no centro da praza co que simbolizaron a loita pola vivenda con carteis e bandeiras.
Deste xeito, a acampada de Santiago, a primeira en asentarse das tres que houbo en Galicia, avanza no mesmo sentido que as de Pontevedra e Vigo. A da cidade do Lérez abandonou a Alameda pontevedresa entre o xoves e o venres; e o asentamento vigués arrincará este domingo, 15 de novembro, os traballos de retirada, que se estenderán polo menos ata o final da próxima semana.
O ánimo xeral é o de manter viva esta loita, aínda que adoptando outras formas. Por exemplo, en Pontevedra, os seus integrantes anticiparon a súa intención de trasladar as asembleas e actividades aos barrios. Ao mesmo tempo, en Vigo, as persoas que integran a acampada continuarán a súa actividade como un colectivo asembleario e irán da man dos xa existentes na cidade.