Publicador de contidos

Publicador de contidos

A CIG ocupa as sedes da Xunta e do Sergas contra o plan de control das baixas laborais

A CIG ocupa as sedes da Xunta e do Sergas contra o plan de control das baixas laborais

Protestan contra a modificación do plan de mellora e control da incapacidade temporal que "legalizará de forma impune o abuso das mutuas no control das baixas por enfermidade"

Membros da CIG protestan na sede da consellería de Sanidade Membros da CIG protestan na sede da consellería de Sanidade
G24.gal 15/06/2026 11:34

Representantes do sindicato CIG ocuparon este luns sedes da Xunta e do Servizo Galego de Saúde (Sergas) nas sete cidades galegas contra a modificación do plan de mellora e control da incapacidade temporal que, segundo denuncian, "legalizará de forma impune o abuso das mutuas no control das baixas por enfermidade".

A protesta desenvólvese baixo o lema "A saúde é un dereito. Enfermar non é un delito", e está encabezada polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

A través dun comunicado, a CIG asegura que o pasado 27 de maio "a Xunta do Partido Popular aprobou a modificación do plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal", o que considera "un novo paso na estratexia" do presidente galego, Alfonso Rueda, "para converter as baixas médicas nun problema de control social e non nun problema de saúde laboral".

"Baixo o pretexto de combater o chamado 'absentismo', o Goberno galego reforza o papel das mutuas e orienta a actuación da Inspección cara á aceleración das altas médicas", censura o sindicato.

Carril entende que "de forma ilegal, pretende impoñer con todo tipo de enganos, ameazas e intimidacións que as persoas traballadoras asinen autorizacións e consentimento para que as mutuas poidan actuar de forma impune contra a saúde das persoas traballadoras".

A CIG fai un chamamento á clase traballadora galega para que ninguén firme "sen informarse antes dos seus dereitos" para evitar abusos.

Cre que isto chega tras unha campaña da patronal para presentar ás persoas traballadoras como responsables do incremento das baixas, cando o sindicato considera que os motivos son a deterioración das condicións de traballo e do sistema sanitario.

"Galicia é a nación do Estado con menor número de persoas de baixa, ten unha clase traballadora máis envellecida, obrigada a prolongar a súa vida laboral, sometida a maiores ritmos de traballo e cun acceso máis lento á atención sanitaria", engade.

O anuncio do control das baixas médicas coa creación de unidades especiais e reforzo das mutuas, realizado en abril, xa levou á vicepresidenta segunda do Gobierno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, a anunciar que levará a cuestión ao Tribunal Constitucional se segue adiante, pois considera que é unha invasión de competencias.

As medidas contaron co rexeitamento desde o primeiro momento do BNG e o PSdeG, que pediron reforzar o sistema sanitario, aínda que Rueda mantivo que as baixas son un problema na actualidade e é necesario buscarlle unha solución. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade