O exército de Israel retoma os ataques na Franxa de Gaza
Israel acusa a Hamas de violar a "pausa operativa" e, ademais, disparar contra o seu territorio
Os islamistas confirman a morte de catorce persoas e anuncian que responderán con "firmeza e heroísmo"
Qatar, mediador no conflito, lamenta a fin da tregua pero asegura que se está traballar para recuperala

Israel reiniciou as operacións de combate contra Hamas en Gaza este venres, 1 decembro. O goberno de Tel Aviv tomou a decisión despois de acusar o grupo terrorista palestino de lanzar mísiles contra territorio israelí e incumprir o acordo para liberar todas as mulleres que Hamas retén desde hai semanas como reféns, o cal Israel considera unha violación do acordo de tregua temporal.
Ese cesamento do fogo de sete días, que comezou o 24 de novembro e foi prorrogado dúas veces, fixo posible o intercambio de ducias de reféns de Hamas por prisioneiros palestinos. Foron liberados en total 105 reféns capturados en Gaza, 81 israelís e 24 estranxeiros, por 240 presos palestinos en cárceres hebreos. A tregua facilitou ademais a entrada de axuda humanitaria á Franxa de Gaza.
Unha hora antes de que a tregua expirase de novo, Israel anunciou que acababa de interceptar un foguete lanzado desde o territorio controlado por Hamas.
Nun comunicado, o exército israelí dixo: "Hamas violou a pausa operacional e ademais disparou cara a territorio israelí. As Forzas de Defensa de Israel retomaron os combates contra a organización terrorista Hamas na Franxa de Gaza".
Pola súa banda, o Ministerio de Interior de Gaza, controlado por Hamas, confirmou que "a aviación israelí sobrevoa a franxa e os seus vehículos abriron fogo no noroeste do enclave".

O grupo islamista Hamas asegurou que responderá con "firmeza e heroísmo" ante estes novos ataques das forzas israelís e confirmou a morte de catorce persoas por causa dos últimos bombardeos. "Enfrontamos os crimes do inimigo, o reinicio da súa agresión nazi e os seus ataques contra civís", indicou Hamas nun comunicado.
Algúns medios palestinos afirman que os ataques israelís abarcan o norte e sur de Gaza, incluídas áreas residenciais. Ademais, os milicianos de Hamas enfróntanse ás forzas terrestres israelís na vía Saladino, que servía para a evacuación de desprazados do norte cara ao sur da franxa.
Pola súa banda, Qatar, clave mediador entre Israel e Hamas, afirmou que as negociacións continúan para "volver á tregua", que venceu esta mañá, e expresou hoxe o seu "profundo pesar" polos novos ataques israelís contra a Franxa de Gaza.
Statement |Qatar expresses its deep regret at the resumption of the Israeli aggression against Gaza following the end of the humanitarian pause #MOFAQatar pic.twitter.com/4C2ckADDtO
— Ministry of Foreign Affairs - Qatar (@MofaQatar_EN) December 1, 2023
"A negociación entre as partes palestina e israelí continúa co fin de volver á tregua", dixo o Ministerio de Exteriores.
Subliñou tamén que Qatar, que mediou xunto con Exipto e Os Estados Unidos a pausa humanitaria caducada esta mañá, "está comprometido, xunto cos seus socios mediadores, a continuar os esforzos que levaron á tregua humanitaria e non dubidará en facer todo o necesario para volver á calma".