Continúa o intercambio de reféns e presos palestinos sen vontade dunha nova prórroga

No intercambio deste martes liberáronse dez secuestrados israelís por trinta presos palestinos

O primeiro ministro israelí asegura que o seu obxectivo é acabar con Hamas e que Gaza non supoña unha ameaza para Israel

G24.gal 28/11/2023 21:02

Dez secuestrados israelís por trinta presos palestinos. É o intercambio deste martes entre Israel e Hamas, no primeiro día de extensión da tregua. De momento, só ata o xoves. O Goberno de Qatar, o principal mediador, traballa para que o cesamento do fogo poida ampliarse ou mesmo ser definitivo.

Pero falta vontade polas dúas partes. O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu dixo nas últimas horas que farán o posible por liberar todos os reféns, pero que o obxectivo último é acabar con Hamas e que Gaza non volva ser unha ameaza para o Estado de Israel. O cal implica seguir coa operación militar.  

De momento, Hamas liberou 74 secuestrados, todos mulleres, nenos e estranxeiros. Agás unha anciá, que está ingresada no hospital, todos están ben de saúde.

Calcúlase que pode haber aínda uns 180 retidos. Entre eles un bebé de dez meses, cuxa familia clama por que sexa liberado.

Dos cárceres palestinos saíron 150 presos, todos con delitos menores.

Na Franxa de Gaza cada día de tregua é unha vida para os cidadáns, que aproveitan para facer abasto de comida, de auga e de medicamentos. Gran parte da poboación intentou volver ás súas casas, convertidas a maioría nun montón de cascallos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade