Publicador de contidos

Publicador de contidos

Netanyahu eloxia o pasaxeiro israelí do voo Dubai-Tel Aviv: "Evitou outro 11S"

Netanyahu eloxia o pasaxeiro israelí do voo Dubai-Tel Aviv: "Evitou outro 11S"

Israel investiga o sucedido como un atentado xihadista

Os pasaxeiros neutralizaron o copiloto despois de que este apuñalase ao capitán de voo

Netanyahu ordena extremar a seguridade en todos os voos a Israel
G24.gal 01/10/2026 08:23

Israel cualifica de intento de atentado xihadista o incidente nun voo con destino a Tel Aviv. O avión partira dos Emiratos Árabes Unidos e, cando estaba chegando a Israel, un dos copilotos acoitelou ao capitán de voo e fixo descender bruscamente o aparello. Foron os propios pasaxeiros os que conseguiron reducir o agresor.

Foron momentos de pánico os que se viviron a bordo do voo entre Dubai e Tel Aviv. Nel viaxaban 174 pasaxeiros, a maioría israelís. Foron eles os que, despois de que a aeronave comezase a descender bruscamente, se decataron de que un dos pilotos apuñalara ao outro, o capitán indio Smit Machchlar. 

Yaniv Hayun foi un dos pasaxeiros heroes, que logrou frear as intencións do atacante. Conta que lograron sacar o piloto agresor, inmobilizalo cos cables duns auriculares e tomar o control do avión. 

"Acabamos de neutralizar o terrorista. Necesitamos axuda", conta estoutro pasaxeiro que tamén colaborou. 

Un terceiro piloto logrou aterrar de emerxencia en Arabia Saudita. 

Netanyahu eloxia o heroico pasaxeiro e asegura que se evitou outro 11S

O Goberno israelí cre que a intención do piloto, natural de Omán e agora detido en Arabia Saudita, era estrelar o avión. Di Netanyahu que se evitou outro 11S e apunta a Irán. Cre que pretenden intensificar os ataques terroristas a menos dun mes para as eleccións en Israel.

De momento, descoñécense as motivacións do atacante. 

Netanyahu ordenou reforzar a seguridade en todos os avións que voen a Israel e realizar exhaustivos controis de seguridade a todos os pilotos. 
A aeroliña FlyDubai anunciou que paraliza a ruta entre Dubai e Tel Aviv mentres dure a investigación. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade